Vinte persoas beneficiarias da Risga acceden a un contrato en Parques e Xardíns

Pontevedra
15 de xullo 2022

Os traballadores incorporados ás brigadas de mantemento do Servizo Municipal de Parques e Xardíns xa están a efectuar os seus primeiros labores de mantemento e coidado das zonas verdes de Pontevedra

Brigada de mantemento do Servizo Municipal de Parques e Xardíns
Brigada de mantemento do Servizo Municipal de Parques e Xardíns / Concello de Pontevedra

As brigadas de mantemento do Servizo Municipal de Parques e Xardíns de Pontevedra acaban de reforzar o seu cadro de persoal coa contratación dunha vintena de persoas que se atopaban de alta como demandantes de emprego e como beneficiarias da Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga).

O obxectivo destas novas incorporacións é ofrecer unha oportunidade de inserción laboral e social a cidadáns en situación vulnerable. Neste sentido, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, informa que "os traballadores incorporados ao Servizo de Parques e Xardíns, contratados por un prazo de 9 meses, xa están a efectuar os seus primeiros labores de mantemento e coidado das zonas verdes de Pontevedra".

Esta iniciativa está impulsada de xeito conxunto polas Concellerías de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural e de Benestar Social e conta con subvencións de entre un 50 e un 75 por cento por parte da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.

Á hora de realizar a contratación solicitóuselle ao Servizo Público de Emprego Estatal (Sepe) unha relación de persoas nesta situación de alta na Risga, levándose a cabo posteriormente un procedemento de selección a través dunha comisión conformada por técnicos dos Servizos Sociais e de Persoal do Concello, así como a realización de entrevistas persoais.

"Á marxe de supoñer unha importante oportunidade de inserción laboral para persoas cun contexto socio económico complicado, esta contratación supón un tremendo reforzo para unhas brigadas que teñen oito traballadores en plantilla, o que se traducirá nunha mellora do estado de conservación das zonas axardinadas da cidade, especialmente nesta época do ano de altas temperaturas, na que se produce un uso máis intenso dos nosos xardíns e resulta máis complicado ter os céspedes e plantas en condicións óptimas", sinalaba o edil socialista.