Visto e prace ao proxecto sectorial para a ampliación de Montecelo

Pontevedra
26 de xullo 2019

O Consello da Xunta aprobou o proxecto sectorial, un instrumento que permite regular a ampliación da infraestrutura. Este é o paso previo para finalizar a tramitación do expediente de expropiación e, posteriormente, licitar as obras. A licitación está prevista para finais deste ano e estímase que durante o ano 2020 comecen as obras

Proxecto Gran Montecelo

O Consello da Xunta deste venres aprobou o proxecto sectorial para a ampliación do Hospital Público Gran Montecelo de Pontevedra, o que se coñece como Gran Montecelo. O documento é un instrumento que permite regular a ampliación da infraestrutura. 

O propio presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este venres o acordo do Consello e destacou que esta aprobación é o paso previo para finalizar a tramitación do expediente de expropiación para, posteriormente, licitar as obras.

Ademais, o mandatario autonómico avanzou que a licitación está prevista para finais deste ano e estímase que durante o 2020 comecen as obras.

O proxecto de ampliación contará cun investimento estimado de 140 millóns de euros e ten o obxectivo de dotar a Pontevedra e á súa área de influencia dun novo hospital con novos servizos –radioterapia, UCI pediátrica e medicina nuclear— e máis confortabilidade, xa que o 60% das habitacións serán individuais.

Feijóo lembrou que con esta aprobación cumpre coa palabra dada na última xuntanza co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a Xunta culmina o procedemento iniciado o pasado 7 de xuño cando o Consello aprobou a declaración de incidencia supramunicipal do proxecto sectorial de ampliación de Montecelo. Tras ese paso, solicitouse o estudo de avaliación ambiental e, logo dos trámites necesarios de información e consultas, obtívose a declaración ambiental estratéxica. Desta forma, realizouse a proposta definitiva do Plan sectorial.

Ademais, destacou que os pontevedreses disporán dun hospital con capacidade para atender as necesidades asistenciais dos próximos 50 anos dunha poboación de máis de 300.000 persoas, xa que, ademais da área de Pontevedra, tamén se reenvían as supraespecialidades da área que corresponde ao Hospital do Salnés.