A vivenda mellor adornada e a decoración máis orixinal con sensibilidade ambiental terán premio no Nadal de Vilaboa

Vilaboa
25 de novembro 2025
Actualizado: 27 de novembro

As montaxes decorativas deberán permanecer expostas entre o 9 de decembro de 2025 e o 8 de xaneiro de 2026, permitindo a visita libre da veciñanza. Os premios entregaranse antes do 23 de decembro

Adornos de Nadal
Adornos de Nadal / Chris Clogg

Axudar a que Vilaboa respire Nadal volve ter premio. O Concello lanza a segunda edición do concurso de decoración, dirixido a toda a veciñanza do municipio.

Esta iniciativa, que leva por título II Memorial Gonzalo Gondar, busca fomentar un ambiente festivo baseado na cooperación, a creatividade e o uso de materiais reciclados, promovendo ao tempo os valores locais e o espírito comunitario.

As inscricións abriron este luns, 24 de novembre, e poderán formalizarse ata o 15 de decembro, ben no Rexistro do Concello (de luns a venres, de 9:00 a 14:00 h), ou a través do correo electrónico [email protected]. As bases completas e os formularios están dispoñibles na páxina web municipal (www.vilaboa.org).

Haberá premios á vivenda mellor adornada, que recolla o espírito de vivir e sentir o Nadal (valorado en 200 euros) e á proposta máis creativa e orixinal, con sensibilidade ambiental e calidade estética (valorado en 150 euros)

As montaxes decorativas deberán permanecer expostas entre o 9 de decembro de 2025 e o 8 de xaneiro de 2026, permitindo a visita libre da veciñanza durante ese período.

Os premios entregaranse antes do 23 de decembro.

O xurado estará composto por representantes do Concello, incluíndo o alcalde ou persoa en quen delegue, membros dos partidos con representación municipal e persoal técnico asesor.

As visitas de valoración realizaranse entre o 10 e o 17 de decembro, tendo en conta criterios como o deseño, a orixinalidade, a iluminación, o uso de materiais reciclados e a promoción dos valores locais

A participación é individual e está aberta a todas as persoas residentes en Vilaboa que realicen a súa montaxe decorativa en espazos públicos ou privados dentro do termo municipal: barrios, rúas, parques ou lugares comúns.

As decoracións deberán estar relacionadas co Nadal e os seus motivos tradicionais, con liberdade total en canto á técnica e estilo. Cada participante será responsable da montaxe, desmontaxe e mantemento dos elementos decorativos.

Arquivado en