As vivendas públicas que a Xunta construirá en Noalla estarán rematadas en 2028

Sanxenxo
09 de febreiro 2026
Actualizado: 19:15

O importe de licitación para estas vivendas, un máximo de 25, será de case 6,8 millóns de euros. A intención da Xunta de Galicia é que o remate das obras sexa no ano 2028

Vivendas en Sanxenxo Frayle

Unha parcela de 2.655 metros cadrados no lugar de Mourelos, en Noalla. É o sitio escollido pola Xunta de Galicia para construir novas vivendas públicas en Sanxenxo.

Neses terreos, cedidos gratuitamente polo Concello de Sanxenxo, poderán habilitarse un máximo de 25 vivendas, se ben o número quedará definido pola contratación do proxecto e de obra.

O Consello da Xunta tomou razón da tramitación do expediente de aceptación deste solo cedido á Xunta por parte do Concello.

Así, a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia, licitará o contrato unha vez autorizado polo goberno galego.

A licitación realizarase polo procedemento de proxecto e obra, polo que o contrato incluirá a redacción do proxecto, a execución da obra de construción e a dirección desta.

Lugar de Mourelos, en Noalla, onde se construirá vivenda públicaXunta de Galicia

O importe de licitación será de case 6,8 millóns de euros.

A empresa adxudicataria disporá dun prazo de tres meses para a redacción do proxecto básico e dous máis para o de execución e prevese o remate das obras para o ano 2028.

Con esta colaboración do municipio pontevedrés, Sanxenxo súmase a outras 14 entidades locais que xa cederon gratuitamente parcelas á Xunta para construír vivenda pública, entre eles Pontevedra, Vilagarcía de Arousa ou Bueu.

Esta iniciativa está incluída no compromiso da Xunta de Galicia de duplicar o parque de vivenda pública antes do remate de 2028, acadando as 8.000 unidades nese prazo.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora