Volta ao choio nas obras para a mellora viaria do Camiño do Quinteiro

Cerdedo Cotobade
11 de maio 2020

A obra desenvólvese en Tomonde cun orzamento que supera os 100.000 euros. Iniciábase en febreiro pero quedou paralizada con motivo do estado de alarma. Estes traballos buscan embelecer esta zona cun espazo verde e a instalación de novos materiais, como lastras para mellorar a integración paisaxística

Obras no Camiño do Quinteiro, en Cerdedo-Cotobade Concello de Cerdedo-Cotobade

Este luns 11 de maio reactivánse as obras de mellora viaria no Camiño do Quinteiro, na parroquia de Tomonde, pertencente ao municipio de Cerdedo-Cotobade. O orzamento desta obra alcanza os 100.481 euros e a empresa adxudicataria é Manuel Pérez Portela.

Estes traballos iniciáronse a mediados de febreiro e atopábase bastante avanzada, segundo o  Concello, cando foi necesario paralizar a obra durante os dous últimos meses debido ao estado de alarma  decreatdo con motivo da expansión do Covid-19.

O proxecto establece un arranxo de 150 metros do camiño e o ensanche ata os 8,50 metros. A obra afectaba a contorna de protección de varios elementos catalogados pola Dirección  Xeral de Patrimonio e, por este motivo, os traballos atrasáronse ata que a Xunta permitiu a actuación con diversas recomendacións que melloran a integración no núcleo rural.

Utilizaranse materiais máis nobres que os previstos inicialmente, coa instalación de franxas de lastras e de áridos nos laterais da vía coa intención de embelecer toda a contorna.

Incorpórase, ademais, unha zona verde e de lecer, que contará con céspede artificial, catro árbores que proporcionarán sombra e un banco de formigón con asentos en madeira tropical tratada.