O BNG retomará o vindeiro xoves 10 de decembro, ás 11.30 horas, as concentracións diante do Centro de Saúde da vila. Con esta acción demandan a mellora na asistencia sanitaria no municipio, que pasa por recuperar a cita presencial dos pacientes, segundo indican desde a formación nacionalista.
Denuncian que os pacientes sofren atrasos na atención médica con "bastantes días de demora". Esta situación resulta máis grave no apartado de vacinación da gripe xa que, segundo afirman, prodúcense constantes cancelacións das citas para a administración desta vacina.
A atención telefónica tamén sofre atrasos porque, sinalan desde o BNG, non se substitúen aos profesionais que se atopan ausentes por baixa ou por vacacións. Por este motivo, reclaman á Xunta de Galicia que utilice os medios necesarios para resolver esta situación de "tensión asistencial que vive Atención Primaria".
Os convocantes da protesta demandan un incremento do persoal e mellores medios materiais. Critican que o Partido Popular presentara un proxecto de lei de reforma da Lei de Saúde de 2008 no Parlamento de Galicia, que non recolle medidas para mellorar a sanidade pública.
Desde o partido nacionalista piden aos asistentes á concentración que cumpran con todas as normas de seguridade e hixiene establecidas polas autoridades sanitarias.