Volven as protestas laborais para reclamar a Ambulancias Civera que cumpra os acordos co Sergas

Pontevedra
10 de outubro 2023
Actualizado: 18:57

O persoal mantivo unha concentración durante unha hora diante de Consultas Externas do Hospital Provincial. Denuncian carencias de material para realizar o servizo de transporte como cadeiras eléctricas; roupa ou cursos de formación; compromisos adquiridos no concurso convocado polo SERGAS

Persoal de ambulancias Civera demanda o cumprimento dos acordos por parte da empresa Mónica Patxot

Persoal de Ambulancias Civera concentrábase este martes diante da porta de consultas do Hospital Provincial durante unha hora para demandar que a empresa concesionaria do servizo de transporte programado (non urxente) da área sanitaria de Pontevedra - O Salnés cumpra cos acordos en materia laboral. 

Alertan de que a empresa continúa incumprindo o contrato co SERGAS. Xabier Aboi, de FGAMT-CIG, acusa a Civera de que non estableceu as cinco cadeiras eléctricas previstas na concesión para que se poida atender os pacientes con dificultades para acceder ao seu domicilio. Segundo indica, Civera só conta con dúas cadeiras eléctricas, unha para a zona de Pontevedra e outra para Vilagarcía. "As outras tres non apareceron", alerta o representante sindical ao explicar que se trata de pacientes de idades avanzadas, enfermos e con dificultades de mobilidade que teñen que esperar a que unha das dúas cadeiras quede liberada para poder ser atendidos.

Indica tamén que non se entregou toda a roupa prevista aos traballadores no ano 2022 nin se lavan os uniformes; e que en case tres anos non se ofreceu un só curso de formación, unha das propostas realizadas pola empresa para obter máis puntos no concurso para facerse con este servizo. Ademais, Aboi engade que non se realizan recoñecementos médicos.

A estas deficiencias súmase que ao redor de trinta traballadores permanecen sen que se lles pague un festivo porque a empresa, que se xestiona desde Valencia, alega que na Comunidade Valenciana non se celebraba esta festividade. Aboi lembra que a empresa de ambulancias se rexe polo convenio galego.

Tampouco finalizaron as obras pendentes na base, de maneira que o persoal continúa contando cunha soa ducha e carece de espazo para lavar os pratos e utensilios que usan nas comidas. A estas deficiencias súmase a situación do servidor da empresa orixinando problemas informáticos na regulación dos horarios laborais ou das localizacións do persoal.

"O único que pretenden é aforrar, aforrar e aforrar", manifesta o sindicalista da CIG en contra da empresa concesionaria, á espera de que a Xunta de Galicia "diga algo efectivo porque non vale sancionar, xa que pagan e punto".

"Por que llo consisten a mes e pico de que termine o concurso?", pregunta Aboi, quen lembra que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, prometeu que se convocará un novo concurso para este servizo a finais deste mes ou principios de novembro para toda Galicia. 

Os traballadores piden ao SERGAS e á xerencia da área sanitaria que adopten medidas para, mentres non conclúe o novo curso, se garanta un servizo "minimamente decente" aos pacientes. 

JOSÉ FLORES VISITA A BASE DE AMBULANCIAS CIVERA

Precisamente, nesta mesma xornada, José Flores, xerente da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, visitaba as instalacións da base operativaen onde se atopan as ambulancias Civera para comprobar "in situ" o estado en que se atopan.

Flores recoñeceu que non coñecía este espazo e, acompañado polo director de xestión e a directora de procesos, quería comprobar se cumpren cos requisitos establecidos no contrato da adxudicataria do servizo.

O xerente afirma que "se están a cumprir" e recoñece que a xunta de persoal trasladara queixas por incumprimentos dalgúns puntos recolleitos nas bases do concurso que xa orixinaran un conflito. En todo caso, insistiu en que "practicamente a totalidade estanse a cumprir" e só expuxo que a empresa admitiu problemas co uniformes pero "está a punto de efectuarse".

José Flores asegurou que a visita lles deixou "bo sabor de boca pero non vamos a relaxar" afirmando que a Xerencia manterá un control para garantir o cumprimento exhaustivo do contrato.