Xa está activo o novo mercado provisional de Sanxenxo na rúa Progreso

Sanxenxo
05 de febreiro 2022

O cambio de dirección da Rúa Madrid, enfronte do mercado, ponse en marcha con normalidade

Telmo Martín visita o novo mercado provisional da Rúa Progreso. Concello de Sanxenxo

Os vendedores da praza de Sanxenxo comezaron á primeira hora deste venres a súa actividade no novo mercado provisional da Rúa Progreso.

O local, situado moi preto do antigo mercado, conta cun aparcamento disuasorio moi preto cunha zona reservada para clientes do mercado en horario de mañá para facilitar as compras. Algúns postos de peixe decidiron non abrir hoxe, pero o mercado conta de sete postos fixos e 60 bancadas nunha xornada habitual.

Nas próximas semanas, unha vez conclúase o estudo das 72 vivendas lindeiras do vello mercado, procederase á derriba. O obxectivo, segundo apuntou, o alcalde é que en Semana Santa non quede xa nin resto do edificio na parcela. O novo mercado ten un orzamento de execución superior aos catro millóns de euros. A opción preferente do goberno para o financiamento do mercado son os fondos europeos xa que o proxecto obtivo unha boa puntuación. En calquera caso, o goberno xa mantivo contactos con outras administracións.

O novo inmoble distribúese nunha planta subterránea de aparcadoiro -cunha capacidade para 40 vehículos-, frigorífico, ascensor e  montacargas. Terá ademais seis plantas en superficie. A planta baixa e o primeiro piso destinaranse ao mercado. As catro restantes destinaranse a espazos comerciais, culturais e gastronómicos.

Doutra banda, o cambio de dirección da Rúa Madrid, xusto no tramo do vello mercado, púxose en marcha esta mañá con total normalidade. Unha patrulla da Policía Local controlou o tráfico na zona ante posibles descoidos de condutores.