Xa está aquí o plan de mellora da contorna do Lago de Castiñeiras

Vilaboa
29 de xullo 2016

 As obras consistirán na reparación do camiños existentes cun investimento de 60.000 euros. Nas últimas horas visitaron a zona os técnicos da empresa adxudicataria dos traballos e os da Xefatura Territorial de Medio Ambiente para executar o replanteo das melloras, que se iniciarán a próxima semana 

Lago de Castiñeiras
Lago de Castiñeiras / PontevedraViva

A Consellería de Medio Ambiente acaba de poñer en marcha o plan de mellora da área do Lago Castiñeiras en Vilaboa e Marín, seguindo a liña do acordo ao que se chegou coas comunidades de montes e os concellos. As obras consistirán na reparación do camiños existentes cun investimento de 60.000 euros.

Segundo anunciou o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, nas últimas horas visitaron a zona os técnicos da empresa adxudicataria dos traballos e os da Xefatura Territorial de Medio Ambiente para executar o replanteo das melloras, que se iniciarán a próxima semana.

En relación coas obras, indicou que a gran cantidade de auga superficial no entorno do lago de Castiñeiras-Cotorredondo invita a creación de novas infraestruturas viarias evitando as zonas encharcadas ou mellorando as infraestruturas viarias existentes e para iso é necesaria a clasificación das vías para a súa construción ou repaso das existentes para a súa explanación.  

Os traballos consistirán na explanación dos camiños interiores desta área, eliminando previamente a vexetación e aplicando unha capa de zahorra compactada para evitar a erosión dos camiños pola auga, o que garantirá unhas condicións mínimas de estabilidade. Para rematar, incluirase a construción de cunetas e a instalación de elementos destinados ao drenaxe lonxitudinal que recollan e canalicen a auga procedente de augas pluviais caídas sobre a explanación.  

As obras tamén suporán a instalación de pasos que faciliten o tránsito polo interior do xardín debido a gran cantidade de pequenos cursos de auga existentes. Con este obxectivo instalaranse nove pequenas pontes de madeira de pino silvestre de distintas dimensións.