O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publicou este martes as bases de convocatoria das axudas Supera20 a autónomos e micropemes con motivo da Covid. A entrada en vigor detas bases será a partir deste mércores e durante un prazo de 15 días naturais, é dicir, até o día 14 de outubro incluído.
O enlace para consultar as bases é o seguinte.
Estas bases tamén están recollidas na páxina web municipal na que tamén se inclúen os números de teléfonos aos que se pode chamar para resolver dúbidas ou pedir cita previa cos técnicos que tramitarán os expedientes das axudas, así como o enlace á sede electrónica no que xa se poden presentar os impresos para solicitar as axudas.
Cabe lembrar que a partir do xoves, 1 de outubro, as axudas Supera20 terán unha oficina habilitada no edificio municipal de Churruchaos, no seu acceso pola rúa Dona Tareixa.
Esta liña de axudas conta cun orzamento inicial de 1.250.000 euros e están destinadas a accións de modernización e mellora de locais, centros de traballo e establecementos empresariais e comerciais con atención directa ao público que tivesen suspendida a súa actividade durante o estado de alarma.
Poderán presentar solicitudes as persoas traballadoras autónomas, e as entidades da economía social e microempresas que empreguen a menos de 10 persoas.
A porcentaxe subvencionable poderá chegar ata o 70% do custe da actuación ou proxecto e a contía máxima de cada axuda será de 5.000 euros por solicitude. Tamén se contempla un anticipo do 75% do importe da axuda unha vez concedida.