Xadrez Pontevedra regresa ao campamento de refuxiados sirios Azraq

Pontevedra
21 de marzo 2018

Levarán material xadrecístico e libros de aprendizaxe de ingles, a petición de Unicef

Proxecto solidario da Escola Xadrez Pontevedra en Xordania
Proxecto solidario da Escola Xadrez Pontevedra en Xordania / Escola Xadrez Pontevedra

Unha delegación da Escola de Xadrez Pontevedra inicia este xoves unha nova viaxe ao campamento de refuxiados sirios de Azraq, en Xordania, levando unha importante achega de material xadrecístico e educativo. Atendendo a recomendación feita por Unicef, que traballa neste campos de xeito continuado, nesta ocasión recadaron libros de aprendizaxe de inglés.

Xadrez Pontevedra, coa colaboración do Concello de Pontevedra, desenvolve desde o ano 2016 un proxecto solidario en Azraq que ten como obxectivo fomentar o xogo, a integración e convivencia dos menores que alí viven a través deste deporte.

O fomento do xadrez como actividade educativa e social faise coa entrega de material (manuais, taboleiros, etc..), formación de monitorado para que a actividade se manteña, e apoio loxístico e asesoramento continuado.

Ademais a Escola Xadrez Pontevedra ten adquirido un compromiso de divulgación e concienciación da realidade que están a vivir os sirios refuxiados en Xordania

A viaxe estenderase até o 1 de abril, tempo no que avaliarán o desenvolvemento do proxecto, profundarán na formación e xestión. A súa diana son 600 nenos e nenas de 9 a 12 anos e 300 rapaces e rapazas de 12 a 18.