Cáritas Interparroquial de Pontevedra poderá repartir este Nadal xoguetes novos ás familias desfavorecidas da cidade para axudar aos Reis Magos no seu traballo.
Eses xoguetes están desde este martes en mans da entidade social, entregados por poarte de ABANCA e Afundación.
Carmen Fernández Penas, directora territorial de ABANCA en Pontevedra, entregoullos a Carmen Gallego, responsable de Cáritas na comarca, nun acto en Afundación.
Agora, a organización encargarase de repartir os agasallos entre nenos e nenas de familias que están a vivir momentos complicados, asegurando que teñan unha sorpresa nas súas casas o Día de Reis.
Todo forma parte da campaña solidaria de Nadal ‘Debuxar sorrisos’, que inclué unha vertente de recadación de fondos solidaria a través da web dibujarsonrisas.abanca.com.
Esta plataforma estará habilitada ata o próximo 30 de decembro para todas as persoas que desexen realizar a súa achega. Neste caso, o diñeiro reunido entregarase integramente a Unicef.
ABANCA e Afundación entregaron este martes un lote de 2.340 xoguetes a Cáritas, Cruz Vermella e a Fundación Madrina, dos que unha parte chegou a Pontevedra..
A distribución dos xoguetes realizarase en 14 localidades de Galicia, León, Asturias, Estremadura, Madrid, País Vasco, Comunidade Valenciana e Andalucía, zonas onde a entidade bancaria mantén unha presenza significativa.
Cáritas repartirá os agasallos na Coruña, Santiago, Ourense, Pontevedra, San Sebastián, Valencia e Sevilla. Cruz Vermella fará a repartición en Vigo, Lugo, Ferrol, León, Oviedo e Mérida. En Madrid encargarase a Fundación Madrina.