Xornada de folga da CIG no sector de comercio da alimentación por falta de acordo coa patronal

Pontevedra
23 de xuño 2023

A presión exercida polos piquetes do sindicato CIG, convocante do paro provincial, provocou o peche ao longo da xornada de diferentes establecementos e supermercados de Pontevedra e Vilagarcía con escenas nas que clientes e traballadores quedaban no interior do local á espera da marcha dos manifestantes. Segundo a patronal, esta folga responde a un "movemento completamente político"

Movimiento da CIG na xornada deste venres 23 de paro no comercio de alimentación
Movimiento da CIG na xornada deste venres 23 de paro no comercio de alimentación / CIG

A xornada de folga provincial no sector do comercio de alimentación na provincia convocada polo sindicato CIG provocou o peche de diversos establecementos.

A acción dos piquetes desde primeiras horas da mañá causaba situacións nas que clientes e o persoal que estaba a traballar víanse encerrados á espera de que os manifestantes abandonasen a zona.

A folga afecta principalmente a dúas cadeas como Gadis e Froiz, xa que outros grupos de venda de alimentación contan con convenio propio.

A CIG reclama un novo convenio a tres anos no que principalmente se recollan subidas salariais cun incremento económico do 7% para este 2023 nos distintos pluses; e unha subida de soldos do 4% para cada un dos dous anos restantes. En caso de revisión salarial aplicaríase a diferenza e a esa diferenza un 0,5%.

A redución da xornada é outra das cuestións nas que se producen diferenzas coa patronal, xa que o empresariado ofrece traballar un sábado menos ao ano, mentres que a CÏG reclama unha fin de semana de calidade (librar sábado, domingo e luns) ao mes e pasar das 40 horas de traballo semanais a 39 en 2024 e a 38 en 2025.

O sindicato rexeita a subida salarial que propuxo a patronal na última negociación dun 3% en 2023; e do 2% para 2024, 2025 e 2026. Tampouco admiten que a cláusula de revisión salarial sexa limitada ao 1%, sen carácter retroactivo e sen atrasos..

Desde o sindicato convocante acusan a patronal de ameazar co despedimento ao persoal para que non se sumase á convocatoria de paro, segundo indican representantes da central nacionalista. 

O piquete moveuse ao longo da mañá con momentos de tensión no Gadis da rúa Benito Corbal. A xornada tamén foi secundada en diversos establecementos da zona de Arousa. A CIG sitúa nun 70% o seguimento do paro durante este venres.

POSICIÓN DA PARTE EMPRESARIAL

Por parte dalgúns integrantes da parte empresarial distribuíuse un comunicado, que publicamos integramente:

"A CIG en Pontevedra decidiu unilateralmente que hoxe 23 de xuño de 2023 haxa folga, a pesar de que as negociacións van continuar o luns 26 de xuño.

Non só é unha folga contra a patronal, senón tamén contra os outros sindicatos. Non é un acto en defensa dos traballadores, senón un movemento completamente político.

O paradoxal deste sindicato é que di que é de aquí e con esta folga o que está a lograr é prexudicar o comercio local. Que intereses defenden? Os de Galicia non.

Este sindicato levantouse da mesa ao principio da negociación poñendo, así, de manifesto a súa falta total de interese en chegar a un acordo, o seu interese, lamentablemente e como sempre, é buscar o conflito.

O comercio local pediu mediación á administración laboral para parar isto.

Hoxe é un día crave para o comercio da alimentación que pretenden? Enriquecer a empresas de fóra e que as locais teñan perdas? Porque iso é o que vai suceder.

Curiosamente outras empresas de alimentación non galegas en Pontevedra teñen un convenio que remunera bastante menos aos seus traballadores que o comercio local ao que atacan.

Non teñen nada que dicir sobre iso? A quen e por que defenden? Que intereses descoñecemos?

Esta folga só vai prexudicar ao comercio local e aos seus traballadores, esa é a verdade. Este conflito dálle vantaxe ás empresas que non son de aquí é o que quere o sindicato que defende a identidade de Galicia? O que practica a solidariedade, que respecta o pluralismo?

Non, nin defende a Galicia, nin respecta o pluralismo, decide de forma arbitraria e unilateral en base aos seus propios intereses, e non aos dos traballadores que din defender.

Esta folga prexudica ás empresas locais, aos produtores locais (case todos pequenos) e á xente, ao veciño de Pontevedra que está cansado de conflitos, de que lle mintan, e que queren vivir en paz e poder comprar onde prefiran, non queren que lles obriguen a comprar onde os sindicatos queren.

Respectamos o dereito a folga e o papel dos sindicatos, como non podía ser doutra forma, pero o que non entendo é que non exerza o seu papel real como mediador e que antepoña os seus intereses políticos aos dos traballadores e a sociedade galega. Porque, o que hoxe queda claro é que este sindicato quere unha sociedade local máis pobre e dependente."