Xornada de inspección marítima coa participación da conselleira do Mar en Vilagarcía

O Salnés
10 de xaneiro 2026

Marta Villaverde destaca en Vilagarcía o papel de Gardacostas de Galicia na loita contra o furtivismo e a protección do litoral

Marta Villaverde, conselleira do Mar, lanza un centolo ao mar Consellería do Mar

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou este sábado pola mañá nun operativo de inspección realizado a bordo da patrulleira Mar de Galicia, no porto de Vilagarcía.

Durante a visita, Villaverde puxo en valor o labor de Gardacostas de Galicia, subliñando que Galicia é a única comunidade autónoma do Estado con un servizo destas características, clave na vixilancia, busca e salvamento marítimo.

Gardacostas efectuou en 2025 un total de 9.726 inspeccións, levantou 2.568 actas de infracción e realizou 36.785 incautacións no marco da súa loita contra o furtivismo e a pesca ilegal.

Dende a súa creación hai 35 anos, este servizo salvou a vida de máis de 1.800 persoas, segundo informou a conselleira, que tamén salientou a partida de 18,2 millóns de euros prevista nos Orzamentos de 2026 para a súa actividade, sen contar cos custos de persoal.

A unidade, que opera de maneira continua durante todo o ano, está composta por 144 efectivos distribuídos entre os Servizos Centrais de Santiago e nove bases operativas na costa, incluíndo Vilaxoán.

Embarcación de Gardacostas na ría de ArousaConsellería do Mar

Ademais, conta co apoio dos 163 gardapescas que a Xunta subvenciona ás confrarías.

O proceso de modernización do servizo avanza coa próxima incorporación de dúas patrulleiras novas e doce vehículos todoterreo, reforzando a capacidade operativa nas augas galegas.

Villaverde destacou “o traballo esencial” de Gardacostas, que reforzou recentemente a súa colaboración con Garda Civil, Policía Nacional, Policía Local e gardapescas, para optimizar as tarefas de rescate, control e protección do medio mariño en Galicia.

Marta Villaverde, conselleira do Mar, na embarcación de GardacostasConsellería do Mar