Xornada lúdica para pechar o Encontro provincial pola Inclusión

Pontevedra
29 de outubro 2019

O pavillón do Centro Príncipe Felipe acolleu este martes a fin de festa do IV Encontro Provincial pola Inclusión, organizado pola Deputación de Pontevedra, na que entre luns e martes participaron máis de 500 persoas. Foi a través dunha xornada de ledicia e convivencia, que complementou a xornada técnica de onte no Museo

Participantes no Encontro provincial pola Inclusión

O pavillón do Centro Príncipe Felipe acolleu este martes a fin de festa do IV Encontro Provincial pola Inclusión, organizado pola Deputación Provincial de Pontevedra, na que entre o luns e o martes participaron máis de 500 persoas.

Foi a través dunha xornada de ledicia e convivencia, que complementou a xornada técnica de onte no Museo.

Máis de 250 persoas asistiron ao peche lúdico do evento que finalizou cun ágape que reuniu as persoas con diversidade funcional e tamén aqueles profesionais que traballan a diario con elas para garantir o seu benestar e que se cumpran os seus dereitos.

A presidenta provincial, Carmela Silva, acompañada pola deputada de Cohesión Social, Olga García, tamén participou na festa, na que se deron cita diversos colectivos e centros educativos da provincia de Pontevedra.

"Quérovos felicitar por todo o traballo que realizades e tamén darvos unha aperta moi grande", transmitiulles Carmela Silva.

A presidenta da Deputación de Pontevedra recibiu o cariño das numerosas persoas que se achegaron a conversar con ela durante o ágape.

Silva tamén recibiu en primeira persoa o agradecemento das entidades que participaron no encontro e que quixeron cadansúa fotografía para lembrar a súa participación no IV Encontro Provincial pola Inclusión.

A presidenta da Deputación de Pontevedra lembroulles que "estamos moi orgullosas e orgullosos de todas e todos vós" e agardou que "sexades moi felices".

A xornada lúdica que acolleu o Centro Príncipe Felipe desenvolveuse durante toda a mañá, e tivo como obxectivo a posta en valor dos proxectos que conseguen integrar as persoas con diversidade funcional na sociedade.

Como mostra destes proxectos, o centro acolleu ata un total de catro exposicións artísticas realizadas por estes colectivos, que tamén puideron asistir a un obradoiro de bailoterapia e a un espectáculo creado polo actor e humorista Al Guanella.