Xosé Fortes e o Rotary Club, últimos candidatos aos premios Cidade de Pontevedra

Pontevedra
07 de xaneiro 2014

Todas as propostas presentadas serán analizadas polo xurado do premio o vindeiro luns 13 de xaneiro ás 13.00 horas, nunha reunión que se celebrará na sala de comisións do Concello de Pontevedra

Cinco son finalmente os candidatos aos Premios Cidade de Pontevedra. Aos xa coñecidos do padexeiro ÿscar Graña, o avogado Javier Munáiz Puig e o Club Cisne Balonmano uníronse outras dúas candidaturas nas últimas horas. Trátase do historiador Xosé Fortes e do Rotary Club. Optan ao Teucro de prata e ao diploma co que se recoñece a aquelas persoas físicas e xurídicas que desenvolvan un labor de especial proxección para a cidade.

No caso do historiador Xosé Fortes, candidatura presentada pola Federación de Asociacións de Veciños Teucro, é coñecido principalmente polo seu labor pedagóxico. Entre outros fitos, foi director de Vagalume, a primeira revista infantil e xuvenil en galego e coordinador en Pontevedra dos cursos de verán da UIMP. ÿ autor de numerosas publicacións sobre a historia da cidade.

Os seus 'rivais' para a obtención do premio serán o padexeiro ÿscar Graña, proposto pola Federación Galega de Piragüismo e o avogado Javier Munáiz Puig, apoiado pola delegación de Pontevedra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

Pola súa banda, o Rotary Club é unha asociación que agrupa a líderes empresariais e profesionais da cidade que proporcionan servizo humanitario a través de diferentes programas e proxectos. En 2013 cumpriron as súas vodas de prata. No seu caso, a candidatura foi presentada por Cáritas e conta co apoio de Aempe, a Asociación Xuntos e AFAPO, a Asociación Familiares de Enfermos de Alzheimer.

O outro candidato na categoría de persoas xurídicas é o Club Cisne Balonmano, que celebra o seu cincuenta aniversario este ano. Foi proposto pola Sociedad Gimnástica.

Todas as propostas presentadas serán analizadas polo xurado do premio o vindeiro luns 13 de xaneiro ás 13.00 horas, nunha reunión que se celebrará na sala de comisións do Concello de Pontevedra.