Xullo comeza nas praias de Marín co izado das bandeiras azuis e a chegada dos socorristas

Marín
01 de xullo 2024

A alcaldesa, María Ramallo, acompañada das concelleiras Marián Sanmartín e Cristina Acuña, acudiu a Portocelo para izar este distintivo, que este ano estará en todas as praias a excepción de Loira. A pesar diso esta contará con todos os servizos exactamente igual que as demais

Izado da bandeira azul en Portocelo Concello de Marín

Coa chegada da tempada alta estival, as praias de Marín xa locen en todo o seu esplendor e, desde este mesmo luns, ondean nelas as bandeiras azuis que logrou o municipio.

A alcaldesa, María Ramallo, acompañada das concelleiras Marián Sanmartín e Cristina Acuña, acudiu a Portocelo para izar este distintivo, que este ano estará en todas as praias a excepción de Loira. A pesar diso esta contará con todos os servizos exactamente igual que as demais.

Un destes é o de socorrismo, que tamén se estrea este luns co despregamento de catorce socorristas repartidos polos distintos areais, segundo as necesidades de cada un; tres auxiliares de información e primeiros auxilios e unha persoa coordinadora.

O seu horario será de luns a domingo, de 12.00 a 20.00 horas, repartidos en quendas, e estarán ata finais de agosto velando pola seguridade dos bañistas. 

Este será o primeiro ano en que este servizo sexa xestionado a través da empresa Salvar, Formar y Socorrer SL, que resultou adxudicataria da licitación impulsada polo Concello para os próximos tres anos, con posibilidade dunha anualidade máis de prórroga.

En total, a dotación de socorristas nas praias supón unha inversión de máis de 725.000 euros.