Tras catro anos de parálise, a dragaxe do río Lérez comeza a ver luz ao final do túnel. A Consellería do Mar anuncia que iniciou os trámites para a avaliación ambiental do proxecto despois de que o Ministerio de Transición Ecolóxica (MITECO) autorizase finalmente un novo punto de vertedura, situado a 1,8 quilómetros do que clausurou en abril de 2021.
A decisión chega despois de que a Subdirección Xeral de Biodiversidade validase tres zonas de vertido posibles (E8, B e D) nun informe que recoñece expresamente que o punto E8 orixinal "non conlevaría unha afección negativa". Con todo, o Ministerio prioriza o punto B, localizado a unha milla do anterior no exterior da illa de Sálvora.
A Xunta de Galicia mostrou o seu profundo malestar por unha parálise que afectou a 16 obras de dragaxe no litoral sur galego, especialmente á do Lérez, unha intervención reclamada de xeito unánime por toda a comunidade portuaria pontevedresa. Confrarías, club naval, Concello e o propio Parlamento de Galicia demandaron reiteradamente esta actuación.
O novo informe do MITECO baséase no traballo técnico do CEDEX, o organismo estatal de referencia en materia de dragaxes, que remitiu as súas conclusións o pasado abril.
Este estudo apoiouse nunha comisión de campo integrada por Portos de Galicia, as Autoridades Portuarias do Estado en Galicia e o propio CEDEX, que traballou durante os últimos catro anos no estudo de alternativas solicitado polo Ministerio.
PRÓXIMOS PASOS
Portos de Galicia xa puxo en marcha o procedemento administrativo que permitirá retomar a obra.
O proceso inclúe a redacción do estudio de impacto ambiental, o período de información pública e a solicitude de informes oficiais ás distintas administracións implicadas, incluíndo a Administración Xeral do Estado.
Unha vez completada a avaliación ambiental, procederase á redacción definitiva do proxecto de obra e á súa posterior licitación, poñendo fin a unha espera de catro anos que a Xunta considera inxustificada.