230.000 euros para a mellora do estacionamento da ponte da Barca

Poio
13 de abril 2026
Actualizado: 18 de abril

O proxecto ten como finalidade principal mellorar tanto os accesos ao centro comercial da zona como o propio aparcadoiro público

Aparcadoiro do Centro comercial A Barca Mónica Patxot

O Consello da Xunta vén de autorizar este luns un acordo de colaboración co Concello de Poio para acometer a mellora do estacionamento público na contorna da ponte da Barca, unha actuación cun orzamento de 228.375 euros.

A intervención inscríbese no Plan Hurbe, o programa autonómico dirixido a apoiar aos concellos na renovación de espazos urbanos e na dotación de equipamentos.

As obras desenvolveranse na parroquia de San Salvador, nun enclave especialmente transitado tanto por vehículos como por peóns e cunha notable concentración de actividade comercial e de servizos.

Trátase, ademais, dun punto estratéxico da rede viaria local, ao conectar directamente coa estrada PO-308, o que reforza a súa importancia para a mobilidade no municipio.

O proxecto ten como finalidade principal mellorar tanto os accesos ao centro comercial da zona como o propio aparcadoiro público, coa intención de crear un espazo máis seguro, accesible e ordenado.

Entre as prioridades figura garantir a continuidade dos itinerarios, facilitando unha convivencia máis fluída entre tráfico rodado e tránsito peonil.

A actuación permitirá corrixir as actuais deficiencias do firme e, especialmente, os problemas de accesibilidade derivados das diferenzas de altura entre a calzada e as beirarrúas, que na actualidade constitúen unha barreira para persoas con mobilidade reducida.

Para iso, está previsto executar un reasfaltado xeral das vías, renovar as beirarrúas, eliminar obstáculos arquitectónicos sobre todo na zona de estacionamento, e substituír pavimentos deteriorados.

O obxectivo é reforzar o papel deste espazo como punto de conexión urbana e comercial, ao tempo que se mellora a súa funcionalidade e a experiencia de uso da veciñanza.

Segundo o convenio aprobado, a Xunta asumirá o 70% do investimento, o que supón 159.862 euros, e será a encargada de licitar e executar os traballos, cun prazo estimado de tres meses.

Pola súa banda, o Concello de Poio achegará o 30% restante (68.512 euros), ademais de encargarse da redacción do proxecto e do mantemento posterior das actuacións.

A vixencia do acordo estenderase ata o 31 de decembro.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora