A Xunta de Galicia levará a cabo a rehabilitación integral da capela de San Xaquín na illa de Ons, un dos elementos patrimoniais máis representativos do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas.
O proxecto, que suporá un investimento aproximado de 170.000 euros, centrará os traballos na recuperación da cuberta, o falso teito e as fachadas do templo, que sufriron importantes danos polo paso do tempo e as condicións climatolóxicas da illa.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciaron esta actuación durante unha visita realizada este xoves 22 á illa, onde comprobaron o estado actual da capela.
Os traballos, que se iniciarán despois do verán, incluirán o derrubamento do falso teito e a cuberta de tella, a renovación da estrutura de madeira, a restauración das fachadas e a instalación dun novo sistema eléctrico e de iluminación.
"Era unha débeda coa comunidade de Ons, unha débeda cos veciños", explicou López Campos, quen destacou que se trata da "igrexa primitiva, a primeira que houbo na illa, onde ademais están soterrados moitos dos antepasados que viviron aquí". O conselleiro salientou que para a Xunta este compromiso era "ineludible" e forma parte do traballo de recuperación do patrimonio cultural.
Pola súa banda, Ángeles Vázquez subliñou a importancia da coordinación entre departamentos da Xunta para desenvolver actuacións integrais. "A coordinación é fundamental para acadar os obxectivos que nos marcamos como goberno galego", afirmou a conselleira, quen lembrou que son tres as consellerías que traballan "arreo" na illa.
A capela de San Xaquín, inaugurada en 1848, é un ben protexido polo Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia e polo PXOM do Concello de Bueu. Situada nun recinto pechado ao sur da illa, esta pequena edificación relixiosa converteuse ao longo dos anos nun símbolo identitario para os habitantes de Ons.
O informe técnico elaborado a petición do Parque Nacional revela o grave estado de deterioro no que se atopa o templo. O tellado está seriamente danado por filtracións de auga e pola acción de insectos xilófagos que atacaron a madeira. O falso teito presenta desprendementos parciais e risco de colapso, mentres que as estruturas de madeira interiores están en condicións críticas. As fachadas, afectadas tamén por humidades e fisuras, requiren un saneamento integral.
O párroco de Santa María de Beluso, José López, da que depende a capela de San Xaquín, destacou o profundo valor sentimental que ten este templo para os habitantes da illa. "Se a illa é un sentimento, se hai algún sitio onde se reflicte un pouco ese sentimento é precisamente onde descansan os nosos antepasados", explicou o sacerdote.
A capela é ademais o centro das celebracións do patrón da illa, que teñen lugar o penúltimo domingo de agosto.
ONS E O SEU PATRIMONIO HISTÓRICO
A illa de Ons, con 5,5 quilómetros de longo e unha anchura media de 800 metros, é a maior do arquipélago que leva o seu nome. Conta actualmente con 86 persoas censadas como residentes.
A súa historia está marcada por sucesivos asentamentos humanos desde épocas prehistóricas, como demostran os recentes achados arqueolóxicos no castro da illa, que terán continuidade nos vindeiros anos ao comprobar a presenza de restos máis alá do recinto dos castros.
Segundo explicou Adolfo Fernández Fernández, profesor de Arqueoloxía da Universidade de Vigo, o xacemento ten "unha ocupación segura desde o século IV antes de Cristo, e continúa ininterrompidamente ata mediados do século V despois de Cristo, estamos falando de máis de 800 anos de ocupación continuada".
A historia de Ons tamén estivo marcada por ataques de piratas ingleses entre os séculos XVI e XVIII, que provocaron a fuxida dos poboadores cara á costa. Posteriormente, a Xunta Provincial de Armamento e Defensa decidiu fortificar a illa, construíndo O Castelo, do que hoxe só quedan algunhas pedras.
O aumento da seguridade permitiu repoboar a illa baixo un réxime feudal. En 1929, Manuel Riobó mercou a illa e estableceu unha empresa comercial dedicada ao secado e comercialización de polbo e congro, o que levou aos illeiros a especializarse nestas especies.
DEPURADORA
A rehabilitación da capela forma parte dun conxunto máis amplo de actuacións que a Xunta está a desenvolver no Parque Nacional. Entre elas destaca a construción dunha depuradora de última xeración e a mellora das instalacións de abastecemento de auga potable, cun investimento de preto de 1,4 millóns de euros.
"Despois dun estudo en profundidade das necesidades da illa, que tamén nos trasladaban os seus veciños, decidimos acometer unha obra fundamental, que era a depuradora", explicou a conselleira Ángeles Vázquez, quen engadiu que esta infraestrutura "estará rematada neste ano 2025".
Ademais, a Xunta está a realizar outras accións de restauración ambiental, eliminando especies alóctonas para favorecer as especies autóctonas.
Tamén se puxo en marcha un servizo médico permanente durante a tempada alta, con dúas enfermeiras dispoñibles as 24 horas do día para atender tanto aos residentes como aos visitantes.
A conselleira de Medio Ambiente tamén destacou outras accións previstas para este ano, cun investimento adicional de máis de 380.000 euros, centradas na conservación natural da illa, o control de especies invasoras, a mellora de áreas recreativas e a preservación de aves mariñas e hábitats mariños.
"O noso obxectivo é que esta illa siga viva, activa e que sexa medioambientalmente sostible", concluíu Vázquez, quen tamén salientou a importancia do traballo coordinado entre diferentes departamentos da Xunta para "chegar á excelencia" na xestión deste valioso espazo natural e cultural.