Xuntos reivindica a inclusión no Día Mundial da Síndrome de Down

Pontevedra
21 de marzo 2025
Actualizado: 14:19

O colectivo instalou a pancarta tradicional na Casa da Luz en reivindicación dos dereitos das persoas con síndrome de Down ás que se quere dar visibilidade social

Instalación da pancarta con motivo do Día do Down
Instalación da pancarta con motivo do Día do Down / Concello de Pontevedra

A Praza da Verdura de Pontevedra acolleu este venres unha nova mostra de compromiso coa inclusión social. Down Pontevedra Xuntos, en colaboración coas forzas políticas da corporación municipal, despregou unha gran pancarta na balconada da Casa da Luz ás 12.00 horas para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down que se celebra este 21 de marzo.

O acto contou coa presenza do presidente de Xuntos, Manuel Pérez Cabo; a coordinadora da entidade, Paula Villaverde Gondar; así como varias persoas usuarias da asociación: Laura Pérez, Martín Piay, Adriana Gutiérrez e Óscar Viñas. Por parte do Concello asistiron o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, a concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías, e representantes dos diferentes grupos políticos municipais.

"O Día Mundial da Síndrome de Down é unha xornada para reivindicar", destacou Manuel Pérez Cabo, quen fixo fincapé na necesidade de "dar visibilidade á realidade das persoas coa síndrome de Down" e romper cos estereotipos existentes.

"Queremos que a sociedade vexa más alá e entenda que, coma calquera outra persoa, teñen soños, metas e ganas de vivir a vida que elas mesmos elixan", engadiu.

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, explicaba que se quere visibilizar as persoas con "este tipo de discapacidade intelectual e que teñen todo o dereito do mundo a integrarse social e laboralmente".

O rexedor afirmou que é un traballo fundamental en que "necesitamos o apoio de toda a sociedade e todas as asociacións que axudan a integrar e formar a estas persoas con esta síndrome, que están perfectamente capacitadas para moitísimas cousas. Hai moito por avanzar na sociedade".

A data do 21 de marzo (21/03) non é casual, senón que fai referencia simbólica á triplicación (trisomía) do cromosoma 21, característica xenética da síndrome de Down. Esta efeméride foi declarada oficialmente polas Nacións Unidas en novembro de 2011.

Pancarta do Día Mundial da Síndrome de Down
Pancarta do Día Mundial da Síndrome de DownPartido Popular de Pontevedra

Paralelamente, a asociación está a desenvolver diversas actividades de sensibilización en centros educativos, clubes deportivos e centros cívicos da contorna, onde profesionais e persoas usuarias comparten as súas experiencias e reivindican a importancia da inclusión en todos os ámbitos da sociedade.

Manuel Pérez Cabo engadiu que é un día que "non debería existir, pero segue a ser necesario". Recoñece que se avanzou nos últimos anos pero "hai casos que necesitan reflexión". Lembrou que este ano o acto central en Galicia se celebra na Coruña. 

Como parte das celebracións, os principais monumentos das sete grandes cidades galegas iluminaranse esta tarde de amarelo e azul, cores corporativas das entidades Down. 

Este ano, as entidades Down de España lanzaron a campaña "#TanComoTú", que a través do humor busca mostrar a vida cotiá das persoas coa síndrome de Down e evidenciar que senten, pensan e actúan como calquera outra persoa, desafiando así os estereotipos sobre a discapacidade.