Yoya Blanco, concelleira de Promoción Económica, afirmaba este mércores que se están ultimando os detalles para a instalación do mercado ambulante na Alameda o vindeiro sábado 22, malia as discrepancias co BNG, socio do goberno local.
A principal impulsora do traslado da feira indicaba que se realizou unha petición a Portos de Galicia para que se permita aparcar nas Corbaceiras coa intención de que se reduza a presenza de vehículos na Alameda. Yoya Blanco indica que se instalarán tres filas de postos de venda. A fila do medio evitará establecer o vehículo como almacén, como é habitual entre os vendedores, seguindo a fórmula que se utiliza no mercado de Padrón para evitar a masificación de furgonetas no recinto.
En canto á distribución dos 53 postos de venda previstos, contémplase que a roupa se atope na zona máis próxima á Praza de España mentres que os de alimentación situaranse cara ao fondo, no espazo máis próximo a Raíña Vitoria.
Yoya Blanco espera que o sábado sexa unha xornada para testar esta decisión polémica do traslado da feira de Rafael Areses ao centro da cidade. "Se hai un erro agora non me preocupa", indica a edil. Indica que é improbable que se produzan conflitos de tráfico xa que os ambulantes realizarán a instalación ao redor das 07.30 horas.
"Aos feirantes gústalles e todo o sector de comercio e hostalería está entusiasmado", asegura Blanco ao entender que o mercado ambulante é "un polo de atracción económica". Lembrou que o cambio se debe a unha "vontade política" derivada das obras que se acometerán na rúa Rafael Areses e que a primeira intención era instalar os postos en Campolongo, pero a obra dun edificio impide esta opción polo que se quere probar a alternativa da Alameda.
"Espero que o sábado sexa un día de festa", apunta a concelleira que agarda un éxito de asistencia nesta estrea de localización.