"Moi contenta pola venda que fixemos da cidade", con estas palabras Yoya Blanco, concelleira delegada de Turismo, avaliaba a presentación na Feira Internacional de Turismo FITUR 2023 de 'Turismo de Pontevedra', que realizaba este xoves 19 acompañada polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes.
A concelleira pontevedresa definía a presentación como unha "performance que decidimos sempre no último e a xente saíu moi contenta" ofrecendo as dúas principais propostas de atractivo turístico: Pontevedra Flúe e Pontevedra Capital Gastro cos vídeos protagonizados por Bruce Lee e Paco.
Ao acto asistían José Miñones, delegado do Goberno en Galicia; Luís López, delegado da Xunta en Pontevedra; a deputada provincial de Turismo, Ana Laura Iglesias; a parlamentaria leticia Gaellego; a senadora Marica Adrio; o deputado Guillermo Meijón; representantes do sector empresarial como o presidente de APE, José Ramón Caldas; e os concelleiros da corporación pontevedresa Marcos Rey e Goyo Revenga.
Iván Puentes tamén destacou o éxito da presentación ao afirmar que "logramos que Pontevedra sexa lembrada e que nos próximos doce meses aquelas persoas que queiran vir a Galicia ou ás Rías Baixas seleccionen Pontevedra como destino".
O concelleiro de Desenvolvemento Sostible lembrou os 7,5 millóns de euros destinados a investimentos en espazos naturais do municipio que "fan máis atractiva a cidade para os turistas e tamén para os pontevedreses". "Queremos un turismo de calidade, que xere emprego", aseverou sinalando que durante o acto se promocionaron os recusos gastronómicos, vitivinícolas e paisaxísticos "cun dos mellores centros históricos de España" que ofrece Pontevedra.
Yoya Blanco insistiu, pola súa banda, en que a promoción neste evento conleva un retorno extraordinario para a cidade. "Se non estamos en FITUR non existes para o turismo", apuntou indicando que o Recinto Feiral Ifema onde se desenvolve este acontecemento turístico atópase cheo de xente durante estes días alcanzando as cifras de visitantes previas á pandemia.