Ocorreu en Vilagarcía en plena pandemia da covid-19, o 17 de maio de 2020. Un pai pontevedrés tiña o seu fillo de 12 anos en réxime de visitas cando, segundo conclúen dúas sentenzas, maltratouno e ameazouno e, logo, ameazou tamén varios policías que acudiron ao lugar. A continuación, encerrouse na casa durante horas.
Por estes feitos, o Xulgado do Penal número 4 de Pontevedra primeiro e a sección segunda da Audiencia Provincial despois condenárono por tres delitos e impídenlle comunicarse co seu fillo ou achegarse a el durante dous anos e medio.
Segundo ambos os xulgados, consta acreditado que este pai actuou "con ánimo de menoscabar a integridade física do seu fillo menor de idade", que ten unha discapacidade do 53% con clínica emocional e conductual.
Agarrouno fortemente do pescozo e o zarandeouno cando lle dixo que quería marcharse do bar no que se atopaban.
"Dada a situación e o temor causado", o neno foise do bar á casa dos avós paternos. Pouco despois, nas inmediacións do domicilio, cometeu o segundo delito.
Con ánimo de atemorizar o seu fillo, díxolle "métete na casa, cabrón, ou cando volvas, vaste enterar" mentres a súa nai trataba de levar o menor no seu coche para protexelo.
Por mor destes feitos, acudiron á casa axentes da Policía Nacional e aí cometeu o terceiro delito. "Con ánimo de atemorizalos", manifestoulles que "os ía matar" e que "os ía rebentar se entraban na casa".
A continuación, encerrouse na casa. Estivo sen saír desde as 21.30 horas até as 05.30 horas da madrugada. Nese momento, retiráronse as últimas patrullas do GOES da Policía Nacional, tras varias horas tentando negociar con el sen lograr facelo entrar en razón. Durante ese tempo, tiroulles varios obxectos, entre eles un cartucho calibre 12-70.
O acusado ten antecedentes penais polos delitos de malos tratos habituais, ameazas no ámbito familiar, coaccións no ámbito familiar, lesións no ámbito familiar e lesións. Por este motivo, os dous órganos xudiciais tiveron en conta o agravante de reincidencia e a atenuante analóxica de consumo de tóxicos.
Por un delito de malos tratos no ámbito familiar, imponlle dez meses de prisión, dous anos e medio de privación do dereito a tenencia e portes de armas e dous anos de prohibición de aproximarse a menos de 200 metros do seu fillo e comunicarse con el.
Por un delito leve de ameazas no ámbito familiar, as sentenzas imponlle 30 días de localización permanente nun domicilio separado e afastado da vítima e seis meses de prohibición de aproximarse a menos de 200 metros do seu fillo e comunicarse con el.
Por un delito leve de ameazas aos axentes da Policía Nacional, a pena é de dous meses de multa a 6 euros diarios (360 euros).
Tambien deberá indemnizar o seu fillo con 105 euros polas lesións causadas e o Sergas polos gastos da súa asistencia sanitaria con 256.87 euros.