"Si tienes cojones, vente aquí porque te voy a matar a ti, a tus hijos, a tu p... familia entera, hija de p..., vale!!, (...)". Estas e outras ameazas díxollas un pontevedrés á súa irmá por teléfono durante unha discusión e agora valéronlle unha condena.
Ocorreu o 30 de abril de 2024. Segundo consideraron probado dúas sentenzas, a súa irmá chamouno por teléfono e recriminoulle que non lle devolvese un diñeiro á súa nai.
"Co fin de amedrentala", el díxolle frases como esas e outras similares: "(...) te mato, ..., ya puedes ir a la policía, tú sabes donde vivo ¿no?, ..., no vuelvas a hablarle a xxx porque te mato, (...)".
O caso chegou primeiro ao Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra, que en outubro lle condenou como autor dun delito leve de ameazas á pena de multa de 1 mes a razón de 6 euros diarios, isto é, 180 euros.
O acusado recorreu e o caso chegou á Audiencia Provincial de Pontevedra. A sección segunda destimó o recurso e confirmou a condena
Nesa seguna sentenza, a Audiencia confirma a argumentación da primeira xuíza, insistindo en que existe unha gravación na que se escoitan esas ameazas e o acusado recoñeceu a súa voz nela.
Detrás destes feitos hai unha situación familiar complexa na que o acusado tamén denunciou á súa irmá.
No xuízo escoitáronse audios e reproducíronse vídeos e, como conclusión, a xuíza conclúe "permiten ter por acreditada non só a mala relación entre os irmáns, e as súas respectivas familias, senón tamén as ameazas proferidas polo denunciado, quen recoñeceu ser a persoa que se escoita na gravación presentada pola denunciante e onde lle di claramente que a mata a ela, aos seus fillos e á súa familia enteira".
Recoñece a xuíza que "os audios presentados polo denunciado dan razón da mala relación, escoitándose nalgún deles á propia denunciante dirixirse ao seu irmán ou á parella deste en termos non moi amistoso", pero conclúe que "iso non xustificaría as ameazas proferidas".