Xermán Torres
Xosefa Iglesias Vilarelle
Xosefa Iglesias Vilarelle (Santiago de Compostela, 1883 – Pontevedra, 1966). Unha das poucas mulleres socias activas do Seminario de Estudos Galegos
É mágoa, pero na historia a muller vén sendo silenciada e ignorada. Nos manuais de historia, da historia da literatura, das ciencias, das artes, da cultura en xeral a muller está case desaparecida, semella que só existen homes, e cando aparecen as mulleres é como algo raro, exótico, como algo subordinado. Desgraciadamente, predomina un enfoque machista e patriarcal. Cando se estima necesario visualizar o papel das mulleres que moitas veces foron pioneiras, loitadoras e produtoras de obras que marcaron un punto novidoso e de inflexión.
Aínda ata ben entrada a década dos anos 30 do pasado século XX, a muller tivo que seguir reivindicándose e reclamando o seu xusto e máis equitativo lugar na sociedade. Resta moito por facer e por loitar hoxe para facer xustiza coas mulleres, que tanto están a sufrir e cando o veleno, a serpe do fascismo está perigosamente a se estender no noso mundo, non aprendemos nada da historia, como se estiveramos castigados a repetir os erros do pasado e estamos a dar pasos cara atrás, cando nos deamos conta, quizais sexa demasiado tarde para desmontar e loitar contra de actitudes machistas e retrógadas. Estas máis de dúas décadas do século XXI son máis ben nefastas, e sobre todo, como sempre para as mulleres.
Pois, tamén no Seminario de Estudos Galegos, do que nos dispoñemos a celebrar o centenario da súa fundación, a presenza feminina é moi minoritaria, a pesares da lamentable falta de documentación, podemos dicir que dos 215 socios activos e dos 528 socios protectores do Seminario, tan só atopamos 12 socias activas e 9 socias protectoras o que representa moito menos do 1% da presencia da muller na institución, a máis importante entidade privada de investigación multidisciplinar en Galicia. Semellante proporción daba naquela altura do século XX a pobre presencia feminina na vida científica, artística e cultural da nosa mísera Galicia, era insignificante a presencia da muller na universidade, na política, no ámbito empresarial. Se un observa as fotografías dos membros e das actividades do SEG a muller está desaparecida. Pero, o que é máis vergoñento e lamentable é que incluso hoxe a presencia feminina nos postos directivos e de poder dos centros de estudos, da administración pública e das empresas segue a ser moi minoritaria; é algo que debera facernos pensar e actuar doutra maneira.
Josefa Iglesias Vilarelle, aínda que picheleira de nacemento, foi pontevedresa de adopción e aquí desenvolveu unha interesante actividade profesional, socio-cultural e política. Rematou os seus estudos de Maxisterio en 1901, acadou a praza de mestra en 1908 e exerceu en Carnota e en Mourente, a mestra de Mourente. Militou no Partido Galeguista e logo na escisión de dito partido na Dereita Galeguista de Pontevedra, participou activamente no Seminario de Estudos Galegos, tiña unha ideoloxía conservadora, era moi relixiosa e por riba de todo sentía un fondo amor por Galicia e a súa lingua galega.
Baixo o amparo do SEG publicou un Método de Lectura en idioma galego en 1932, o primeiro no noso idioma, sendo pioneira neste senso. Recibiu certas críticas que aducían que seu método non era innovador, que non seguía as directrices das novas correntes didácticas e pedagóxicas da época. Sae Vicente Risco na súa defensa facendo unha favorable crítica na recensión do libriño na Revista Nós. Boletín mensual da cultura galega, ano XV, núm. 109 (xaneiro de 1933). Participou tamén na sección de Pedagoxía do Seminario, aínda que pouco podería facer, pois as gadoupas da Guerra Civil de 1936 cortáronlle as ás ao Seminario.
Como xa comentamos o seu manual de lectura en galego foi o primeiro escrito nese idioma, sendo un fito na nosa bibliografía didáctica, tan necesitada de que alguén rompera o fogo e tomara a iniciativa de producir textos escolares na nosa maltreita lingua. E aínda que segue o tradicional método das cartillas de lectura que se facían no tempo da II República española, ten o mérito de ser o pioneiro, por estar escrito no noso idioma e partir da realidade e das experiencias dos nenos e nenas galegos, trataba de aproximarse ao entorno familiar da infancia galega daqueles tempos.
Compre facer un estudo pormenorizado da presencia das mulleres na vida e nas actividades do Seminario de Estudos Galegos, das que Josefa Iglesias Vilarelle pode ser tomada como paradigma.
PARA CONSULTAR:
ALMANAQUE DAS IRMANDADES
Consultada: 16/01/2023
María Xesús Escudeiro, Biografía de Josefa Iglesias Vilarelle. Concello de Pontevedra. Do Gris ao Violeta/2023 https://www.dogrisaovioleta.gal/biografia/creadoras-e-pioneiras/josefa-iglesias-vilarelle/
Consultada: 18/01/2023
Josefa Iglesias Vilarelle
Santiago de Compostela, 1883 - Santiago de Compostela,
Autoría: Xandra Santos
Santos, Xandra : Josefa Iglesias Vilarelle. Publicado o 1/1/2007 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=2001. Recuperado o 18/01/2023
Xermán Torres, Filgueira Valverde, un home de éxito en https://www.pontevedraviva.com/opinion/7918/filgueira-valverde-home-exito-xerman-manuel-torres-de-aboal/ , 02/12/2022. Consultada: 18/01/2023.
Xermán Torres, 2023, ano do Seminario de Estudos Galegos en https://www.pontevedraviva.com/opinion/8011/seminario-estudos-galegos-consegue-apoio-sociedade-galega-xerman-torres/ , 07/01/2023. Consultada: 18/01/2023.