Se tes equipamento deportivo en bo estado e en desuso este pode ter unha segunda utilidade solidaria. É a finalidade da campaña que ata o dez de decembro ten aberta a Federación Galega de Fútbol. Unha iniciativa que expuxo o xogador marfileño Stephane Tape 'Mou' á entidade deportiva galega como vicepresidente da Asociación Marfil. "A través de diferentes valores do deporte que se difundan as necesidades que hai en Costa do Marfil na práctica deportiva". Unha desas necesidades é o material deportivo que se enviará aos nenos do país africano para que poidan usalo.
Como explican en PontevedraViva RadioAmancio Varela, membro da directiva da Federación e Carmelo Galiñanes colaborador da mesma; ata a data recibiron material dos múltiples clubs, do colectivo arbitral e desde a Federación tamén sumaron coa roupa en desuso das seleccións galegas.
Dixitalización
Ademais desta campaña, no Cara a cara aproveitamos a presenza dos invitados para saber sobre a incorporación das novas tecnoloxías na práctica do fútbol nesta Comunidade. Un dos obxectivos da actual directiva é dixitalizar na medida do posible os procedementos de clubs e estamentos coa Federación. Un exemplo - pioneiro ademais entre Federacións Territoriais - que se aplica xa esta tempada é a dixitalización das xestións previas ao comezo do partido. Igualmente desde a pasada tempada trabállase na posibilidade de obter resultados en tempo real ou o máis axiña posible. Amancio Varela avanza que nun par de semanas espérase abrir un novo portal para facilitar as consultas aos federados.
Fútbol feminino
Non deixamos pasar por alto esas demandas e paro que a máxima categoría do fútbol feminino español protagonizou recentemente. Mirando a Galicia, falan de "crecer e colaborar". Fai catro anos había unhas duas mil licencias - entre fútbol e fútbol sala -, e agora roldan as seis mil. Desde a pasada tempada xóganse competicións de fútbol base exclusivamente femininas; entón houbo catorce equipos e nesta tempada son vinte e dous. A súa formulación é que "a única forma de crecer é que a pirámide creza desde abaixo" e por iso iniciaron unha competición infantil na que están a participar dez equipos.