Con apenas 22 anos, unha pontevedresa desafiou a todas as convencións sociais da época e converteuse na primeira muller en sucar o ceo galego a bordo dun aeroplano. Chamábase Elisa Patiño -máis coñecida como Chichana Patiño-, unha moza intrépida e valente que se converteu en toda unha pioneira no mundo da aviación.
Dela falamos nun novo programa de Do Gris Ao Violeta de PontevedraViva Radio, xunto a María Xesús López Escudeiro e César Novoa, neto de Chichana Patiño, que lembra que a súa avoa -á que non chegou a coñecer- era unha muller "moi avanzada" ao seu tempo, os primeiros anos do século XX.
Chichana pasou os seus anos novos entre Pontevedra e Sanxenxo. Foi na cidade do Lérez, unha exhibición aérea, onde descubriu a súa verdadeira paixón: os avións. Entón, lembra o seu neto, "parecían bicicletas con ás", pero iso non a botou para atrás. A súa amizade con José Piñeiro, o famoso aviador galego, foi clave para ela.
Pero máis aló desta paixón, Elisa era muller cunha educación exquisita. Pintaba, tocaba varios instrumentos musicais e tiña grandes facultades para o canto.
Tanto que ata chegou a impresionar á mismísima María Guerrero. E todo iso, adornado cunha inquietude benéfica que a levou a colaborar con multitude de iniciativas ata que, en 1918, a epidemia de gripe acabou coa súa vida, truncando unha brillante traxectoria.