Vladislav Shvets é un estudante ruso que leva dez anos residindo en España. Doce leva Enrique Vaqueiro na Lama desde que deixou México; é licenciado en Relacións Internacionais. E Jose Mirza, de orixe galega vive en Londres e é avogado. Son os tres participantes nestas Conversas na Ferrería, e para os que a entrada de Donald Trump á Casa Branca non resultou unha sorpresa.
As primeiras accións do presidente número 45 de Estados Unidos provocaron reaccións, non só en USA, senón tamén no contexto internacional. "Londres ten un sentido diferente ao resto do país. Hai un 30% da poboación que pode estar de acordo con Trump e por extensión co eurodeputado Farage. En Londres hai un sentido moi anti Trump, temos estranxeiros, inmigrantes e son a quen está atacando agora", trasládanos Jose Tizón.
Desde Rusia, apunta Vladislav "non hai negatividade cara a Trump. Din que había ataques nas eleccións por parte de Rusia e non se sabe se é certo. Realmente a relación é neutra. Acéptase a súa política e veremos cales son os seus seguintes pasos e anos que serán moi interesantes". Enrique engade que "México actualmente é o máis prexudicado, non só polo discurso xenófobo que tivo durante a campaña; senón porque entrou a matar. Creo que o seu consello de asesores suxeriulle tomar medidas de golpe para logo ter un mandato máis tranquilo".
Todos coinciden en considerar que a partir de agora ábrese un novo deseño xeopolítico."Obama fixo unha política pacifista, con algúns erros, con algunhas renuncias; pero o certo é que ese mapa xa se está cambiando. Israel, Cuba, México, América latina... O importante vai ser que as relacións de Rusia e EEUU non comprometan os acordos e relación de socio estratéxico coa Unión Europea", expón Vaqueiro.
Para Vladislav "é evidente un cambio. China ten moitas tensións agora mesmo; Oriente sofre por outra praga e respecto de Unión Europea distanciarase porque esta caracterizouse pola súa moralidade e Trump é un personaxe vulgar. En Rusia parecen estar a encantar, porque Trump como Putin son "tipos duros", creo que ambos saben que hai un limiar que non poden pasar". Jose Mirza incide: "é obvio. Estamos nun tempo de cambio: houbo eleccións en España, vai haber en Francia, Italia, Alemaña; cambiouse o primeiro ministro de Inglaterra... a min persoalmente, dáme medo a relación entre Trump e Putin e non creo tampouco que crucen esa liña".