RADIO.- Un novo grao técnico de pedra natural pode poñer en xaque á Escola de Canteiros
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O Clúster do Granito xunto coa Consellería de Educación ofertarán para este próximo curso 2021-22 un Grao Técnico de Pedra Natural. Unha oferta formativa regrada inexistente ata a data para o sector e que segundo portavoces da Asociación de Canteiros de Poio - aínda que é benvida - vai poñer en xaque o futuro da Escola de Canteiros da Deputación de Pontevedra.
Falan nas Conversas na Ferrería, Manuel Sestelo presidente da Asociación e Fran Sieiro, integrante da mesma. "Entendemos que é unha idea moi boa para a cantería, pero quen vai a sufrir as consecuencias é a Escola de Canteiros porque cando se termina sales cun título que non regrado e é super importante que a Escola non desapareza porque ofrece unha parte artística moi importante que este Grao de FP non inclúe".
Isto é - segundo expoñen en PontevedraViva Radio-, incorpórase unha titulación da que o sector carecía pero non se forma ao alumno na faceta máis artística da profesión, que si ofrece a Escola, pero que carece dun recoñecemento regrado por Educación. Nesta nova tesitura estiman que a demanda se irá a centro de Porriño en detrimento do centro de Poio.
Desde hai tempo este colectivo profesional vén reclamando que quen se forma na Escola de Poio - durante cinco anos - ao terminar obteñan unha acreditación homologada xa que "o certificado de profesionalidade que queren dar non o é. Se a Escola tivese homologación como un centro de FP isto arranxaríase", insisten.