Lucas, o loro de cola vermella ao que busca todo Marín desde hai unha semana
Por Alejandro Espiño
Desde hai unha semana, en Marín non se fala doutra cousa. A desaparición de Lucas, un loro de cola vermella que se escapou do seu domicilio o pasado 25 de novembro. Desde entón, a súa familia non sabe nada del e mobilizou a todo o municipio na súa procura.
"A xente pregúntanos constantemente e están todos moi pendentes do tema", explica a PontevedraViva Olga Santiago, a filla da muller á que acompañaba Lucas a diario.
Este animal exótico, que conta con todos os seus papeis e permisos en regra, "estaba afeito estar solto por casa". Ata o de agora, explica Olga, nunca se escapara aínda que fora habitual que as xanelas da vivenda estivesen abertas.
Pero nesta ocasión, "talvez porque algo o asustou" no canto de voar por dentro de casa saíu cara á rúa. Quedou na beirarrúa, na Avenida de Ourense, xusto debaixo da súa terraza. Pero cando baixaron a buscalo xa desaparecera.
Lucas chegou a esta casa de Marín hai xa tres anos. "Apenas era un bebé", lembran os seus donos. Adaptouse moi ben á vida con Aurelia, unha muller de 80 anos que "estaba a pasar unha situación complicada" e para a que este animal serviu de terapia.
"Ensinoulle a falar de tal maneira que tiña unha conversación con ela coma se fora unha persoa normal", asegura Olga Santiago, que lembra con agarimo como o loro adoitaba cantar ou mesmo se queixaba "cando o deixaban só e facía coma se chorase".
A familia de Lucas colocou carteis por todo Marín para tratar de localizalo e, ademais, alertaron á Policía Local, á Policía Nacional, á Policía Portuaria e a todas as clínicas veterinarias do municipio. Tamén os medios nacionais fixéronse eco desta historia.
Ofrecen unha recompensa de 1.000 euros para aquela persoa que lles devolva a Lucas, un diñeiro que un programa de Antena 3, Y ahora... Sonsoles, prometeu dobrar ata os 2.000.
"A persoa que o teña se non nolo quere entregar a nós que llo leve á Policía Local ou en calquera sitio e nós iremos buscalo", sostén Olga, que confía en que Lucas poida volver pronto a casa e toda esta pequena aventura quede tan só nun susto.