A ampliación do IES Aquis Celenis licitarase antes de que remate o ano
Por Oskar Viéitez
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou hoxe o Colexio CEIP Plurilingüe San Clemente de César, en Caldas de Reis, onde anunciou un investimento de máis de 6 millóns de euros en centros educativos deste concello no ano 2024 e comprometeuse a que a ampliación do IES Aquis Celenis licitarase antes de que remate o ano "un proxecto de enorme envergadura, que finalmente vai contar cun orzamento de máis de 5,5 millóns de euros, o que supera en máis de 2 millóns o orzamento inicialmente previsto".
O conselleiro lembrou que esta ampliación do Aquis Celenis se vai realizar en vertical, construíndo un novo andar sobre os xa existentes, con 2.400 metros cadrados. Ademais, actuarase sobre o edificio actual, mellorando a súa eficiencia enerxética e a súa organización.
Na súa visita Román Rodríguez detallou que se vai acometer unha rehabilitación integral do San Clemente de César, cun investimento de arredor de 425.000 euros. O proxecto está en redacción e está previsto licitalo no ano 2024.
A actuación contempla o cambio de 760 metros cadrados de cuberta e das fiestras que aínda non se mudaron, o illamento térmico con inxección en cámara e a renovación dos aseos antigos.
O titular do departamento educativo do Goberno galego sinalou que "esta inflación estanos afectando de xeito moi significativo ás administracións autonómicas que estamos acometendo obras de renovación de centros educativos. Por iso é imprescindible que o Goberno central, tal e como acabamos de reclamar ao Ministerio de Educación, cree un fondo para a rehabilitación de centros educativos que contribúa ao financiamento destas actuacións", destacou.
O concelleiro de Educación, Manuel Fariña, pediu á Consellería unha planificación axeitada co fin de minorar as molestias á comunidade educativa.
Por outra banda, Fariña aplaudíu que a Xunta reconsiderase a súa postura e se aveña a reformar de maneira integral o primeiro andar do CEIP San Clemente, posto que "as instalacións xa esgotaron a súa vida útil e hai tempo e precisan ser renovadas para impartir unha educación de calidade de maneira digna".
Finalmente, no encontro de hoxe coa Consellería, Fariña destacou a urxencia tamén da ampliación do comedor do CPI Alfonso VII, un compromiso do departamento galego de Educación que non ten aínda visos de facerse realidade.