Dous días de loito oficial en Marín pola morte de dous adolescentes nun accidente de tráfico
Por Natalia Puga
O falecemento en accidente de tráfico de Rubén Farto e Brais Sestelo, dous adolescentes de 16 e 17 anos, conmocionou Marín esta fin de semana e levou ao Concello a decretar dous días de loito oficial.
O loito será oficial este sábado e este domingo, despois da morte dos dous menores na noite do venres nun accidente no que outras tres persoas resultaron feridas.
O Concello adoptou esta medida en "manifestación de dor" e coa intención de acompañar ás familias no "duro camiño que lles toca percorrer" polo "triste falecemento" dos dous menores.
A Resolución de Alcaldía feita pública este sábado recolle que durante esta fin de semana as bandeiras dos edificios institucionais ondearán a medio mastro e suspenderanse todos os actos e as actividades culturais, deportivas e de ocio programadas para estes días para poder acompañar as familias dos falecidos "da forma máis calorosa, cálida, próxima posible".
A alcaldesa, María Ramallo, explicou que se trata dunha decisión de todos os partidos con representación na Corporación de Marín, pois "desde onte, atopámonos todos tremendamente consternados por esta noticia así, incapaces de encaixar esta dor".
"Queremos manifestar o noso pesar por esta terrible sacudida e acompañaremos ás familias neste camiño tan difícil", sinalou María Ramallo, que agradece as enormes mostras de condolencia que se veñen sucedendo desde o momento no que se coñeceu esta horrible noticia, procedentes de toda a cidadanía e especialmente do mundo do deporte base.
Rubén Farto e Brais Sestelo eran dous de Marín que estaban moi unidos ao deporte base pola súa participación en distintos clubs da localidade.
María Ramallo lembraba este sábado que Marín "leva moitos golpes xa seguidos" e agora súmase a tristeza que supón que "dous nenos faleceran nun accidente de tráfico".
Relacionadas:
-
O exceso de velocidade, posible causa do accidente con dous adolescentes mortos en Marín
Por Natalia Puga |
-
Dan de alta tres persoas atendidas no hospital tras o accidente mortal de Marín
Por Natalia Puga |
-
Falecen dous menores nun accidente de tráfico entre dous coches en Marín
Por Natalia Puga | Creada e actualizada