A instalación dunha torre de telecomunicacións de Movistar finaliza co illamento tecnolóxico de Borela
Por Oskar Viéitez
O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e o concelleiro de zona, Bruno Portela, mostraron a súa satisfacción porque "despois dun longo período de xestións e procura de financiamento" puidésese finalizar co "illamento histórico" que sufría a parroquia de Borela. Movistar instalou unha torre de telecomunicacións no monte de Currás, nun terreo cedido pola Comunidade de Montes.
Segundo informaron desde o Concello, esta torre da estación base de telecomunicacións, propiedade de American Tower España, supuxo un investimento duns 120.000 euros "e é unha das poucas instalacións destas características que a multinacional Movistar ergueu nos últimos tempos en España e a única en Galicia".
Desde o goberno local celebraron que Borela poida contar con esta tecnoloxía que permitirá á veciñanza e aos emprendedores acceder á banda de 3G, 4G e 5G desde xa "e finalizar coa histórica marxinación desta zona desde o punto de vista das telecomunicacións".
Jorge Cubela mostrouse moi satisfeito e sinalou que "isto era impensable hai un tempo, pero nós traballamos intensamente na xestión para que se puidese realizar, polo que hoxe sentimos a satisfacción do deber cumprido. Non sabedes o que nos custou conseguilo, pero Bruno e máis eu nunca tiramos a toalla".
"Outro lío foi coordinar todas as actuacións levadas a cabo: desde a obra civil, as enxeñerías e os de telecomunicacións houbo que poñer de acordo a empresas tan distintas e diferentes para que todo saíse ben como foron American Tower, Félix e Viñas, Moscoso, Elecnor, Inelcom e Movistar. Imaxinade a lea que é coordinar a todas, e organizar a cada unha despois da outra, coa súa respectiva autorización sectorial... un máster e moito tempo dedicado, que agora merece a pena", sinalou Cubela.
Finamente, o alcalde agradeceu a confianza dos veciños.