A Casa do Maior 'Amizade' actívase en Moraña para atender a persoas de máis de 60 anos
Por Redacción
Está previsto que nos próximos días a denominada Casa do Maior 'Amizade', situada na parroquia de Santa Xusta en Moraña, abra as súas portas coa intención de prestar un servizo de atención diúrna para persoas de máis de 60 anos de idade, sen dependencia ou que estean en réxime de grao I ou II e funciona como centro de día.
Trátase da segunda instalación destas características no municipio e este luns o alcalde Sito Gómez visitaba as instalacións coa promotora Icíar Castro Farto.
O rexedor convida as persoas interesadas a que realicen a inscrición ata ocupar o máximo de cinco prazas para pasar as xornadas en compañía e beneficiarse mental e fisicamente das actividades que se organizarán neste espazo. Pódense apuntar chamando ao Departamento de Servizos Sociais de Moraña a través do teléfono 986.553.005.
Este servizo préstase na antiga Escola de Santa Xusta, que é o mesmo emprazamento no que xa se atopa a Casa do Maior 'Agarimo', que leva xa en activo dous anos, desde xaneiro de 2022.
Para a nova instalación, a Consellería de Política Social investiu 12.000 euros. A Xunta tamén destinará anualmente ao redor de 20.000 euros para os gastos de mantemento e funcionamento, aos que se engadirán os de transporte.
As actividades son gratuítas para as persoas usuarias que queiran desenvolver cursos de envellecemento activo e outras actividades, de luns a venres, de 09.30 a 17.30 horas.