A Xunta reta ao Concello a que presente unha alternativa para o saneamento do Gafos
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O Conselleiro de Medio, Agustín Hernández, reclama ao Concello de Pontevedra unha alternativa á proposta realizada por Augas de Galicia para o saneamento do río Gafos. A través dunha carta dirixida ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o conselleiro pide "unha proposta alternativa, tecnicamente viable para poder avanzar na finalización das actuacións recollidas no convenio do saneamento".
Este desacordo está relacionado coas declaracións efectuadas dende o goberno local na que se rexeitaba o proxecto presentado pola Xunta, consistente na construción de pequenas depuradoras de macrofitas augas arriba do río Gafos.
Na carta, Agustín Hernández indica que a Xunta de Galicia mantén o seu comproiso de aplicar a totalidade dos fondos autonómicos recollidos e previstos no convenio asinado co concello pero recorda que estes investimentos teñen que servir "para executar actuacións correctamente deseñadas e planificadas, que permitan avanzar no saneamento integral do concello,".
O conselleiro cuestiona a crítica realizada polo Alcalde de Pontevedra á Xunta con "afirmacións carentes de calquera xustificación e, o que resulta aínda máis sorprendente, sen presentar ningunha alternativa ao problema do colector,".
Segundo a Consellería investíronse 23 millóns de euros nos últimos dez anos no saneamento de Pontevedra durante os últimos dez anos e 16,5 millóns na explotación da Estación depuradora de Praceres.
Na carta enviada ao alcalde reclámaselle urxencia na mellora desta rede de saneamento, de competencia municipal, xa que a Administración Hidráulica de Galicia "non pode permanecer inactiva ante as situacións xurdidas pola incapacidade de evacuación da rede de saneamento que produce vertidos, con especial incidencia na bacía do río dos Gafos".
RESPOSTA DO GOBERNO LOCAL
A Concellería do Ciclo da Auga, que dirixe Raimundo González, manifesta pola súa parte dende un comunicado que o alcalde solicita de Augas de Galicia, en virtude dese mesmo convenio o selado dos pozos do colector actual e adicar o resto de fondos a obra de saneamento do Gafos nos términos acordados inicialmente.
Dende esta concellería remítense á carta enviada polo alcalde á Xunta na que se indica que o Concello "redactou un proxecto que consistía en retirar un tramo o colector do leito do río Gafos". E nesa carta indicaba que a nova proposta de Augas de Galicia sorprendeulles porque "non foi deseñada para as condicións existentes na bacía do Gafos" e se apunta a que "non se cumpre ningunha das condicións recomendadas" para solucionar a situación do río.
Relacionadas:
-
O PP esixe a redacción urxente do novo proxecto de saneamento do río dos Gafos
Por Oskar Viéitez |
-
Vaipolorío e Concello instan a Augas de Galicia a deixarse de "inventos" e construír o colector do Gafos
Por Alejandro Espiño |
-
A Xunta declara Espazo Natural de Interese Local o río dos Gafos
Por Redacción |