Condenado por piratear a luz dun farol municipal para o seu galpón en Salcedo
Por Natalia Puga
O Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra acaba de condenar a un home que enganchou a luz do galpón no que vivía en Salcedo ao tendido eléctrico.
O galpón está situado no lugar de Cabanas, na parroquia de Salcedo, e o home foi denunciado pola Policía Local en marzo deste ano tras detectar que tiña cableado conectado ao tendido eléctrico dun farol municipal.
O home foi condenado por un delito leve de defraudación do fluído eléctrico, que castiga todo aquel acto que implique fraude co fin de utilizar a enerxía eléctrica no noso beneficio, sen pagar por ela.
Nin o Concello nin o xulgado conseguiron determinar durante canto tempo estivo conectado nin tampouco cal foi o seu consumo, de modo que a condena implica o pago dunha multa para reparar o farol que pirateou, pero non abonar a luz consumida e non abonada.
O Concello gastou 376,24 euros en reparar ese farol e o acusado agora pagaraos a través dunha multa de 45 días a razón de dous euros diarios.