Polémico último Pleno do ano en Cerdedo-Cotobade, entre críticas pola convocatoria "con alevosía" e investimentos millonarios
Por Natalia Puga
O último Pleno do ano celebrouse este venres marcado pola polémica en Cerdedo-Cotobade. Trátase dunha reunión extraordinaria e urxente na que se deu a luz verde definitiva á construción da Residencia de Maiores e Centro de Día de Carballedo, cun investimento duns 4 millóns de euros, pero da que o PSOE critica duramente as formas.
Así, os socialistas critican que o goberno local fixo unha convocatoria extraordinaria e urxente ás 4.30 horas da madrugada, "con nocturnidade e alevosía", para celebrarse só tres horas e media despois, ás 9.00 da mañá, de tal maneira que a voceira do PSOE, Ana Couto, sostén que "ata se me pasou pola cabeza se era unha inocentada, pero prefiro definilo máis ben como unha broma pesada ou como un insulto".
Finalmente, aprobouse o proxecto definitivo para a residencia e o centro de día cos votos favorables dos concelleiros do PP e a abstención do PSOE e o BNG.
O proxecto agora xa conta con todos os requisitos técnicos e autorizacións necesarias de todos os organismos incluídos na "longa e complicada tramitación burocrática". "Culminamos un laborioso e complicado proceso que nos levou a ter que realizar un dos procesos máis importantes e farragosos desde o punto de vista administrativo", sinalou o alcalde, Jorge Cubela.
A empresa Coviastec, S.L. adxudicataria do concurso para a redacción do proxecto, dirección facultativa, construción, equipamento e explotación da residencia e centro de día, ten agora un mes para abrir o centro de traballo e comezar a facer realidade este proxecto.
Jorge Cubela manifestou a súa satisfacción pola nova e dixo que é un "excelente remate de ano e comezo do 2024", que chega con forza e cun investimento de preto duns 4 millóns de euros. Foi, para o alcalde, "unha auténtica odisea que agora remata felizmente".
A orde do día incluía a aprobación definitiva das ordenanzas de lixo e sumidoiros, ás que o PSOE tiña presentado alegacións explicando que quería "corrixir as numerosas deficiencias" técnicas detectadas. Finalmente, foron aprobadas polo PP e co voto en contra da oposición.
CRÍTICAS DO PSOE
A voceira socialista considera a convocatoria "un escándalo" pola "falta de respecto" que se demostra pola oposición e polo "nivel da chapuza" e anuncia que o seu partido estudará legalmente o asunto para chegar ata as últimas consecuencias.
Ana Couto critica que ás catro da madrugada tiveron que poñese a revisar o expediente das ordenanzas, cos informes técnicos valorando as alegacións socialistas, e tamén un proxecto de máis de 220 páxinas coa notificación dixital da convocatoria sobre a residencia de maiores e o centro de día.
Ana Couto explica que as "chapuzas de Cubela" comezaron á medianoite, cando se recibiu unha primeira convocatoria, e ás 4.30 horas anulouse e enviouse unha convocatoria nova incluíndo a declaración da urxencia na orde do día.