O goberno local propón cambios de mobilidade e de estacionamento na zona da Parda
Por Redacción
O concelleiro Luís Bará presentou unha proposta a varios colectivos da Parda sobre a reordenación do tráfico e do estacionamento no ámbito do centro de saúde e dos centros educativos desta zona da cidade.
A proposta céntrase en crear unha zona de servizos de estacionamento de 15 minutos no ámbito do Centro de Saúde para aproveitar a apertura da parcela de aparcadoiro gratuíto con cabida para 100 vehículos. Ao mesmo tempo ordenarase o estacionamento dos vehículos de emerxencia e para persoas con discapacidade, bicicletas, motocicletas, ademais de acometer algunhas medidas de seguridade viaria e accesibilidade coa posta en marcha de novos pasos de peóns e de canles.
Bará comentou que tamén se van instalar obstáculos ante a petición do ANPA da escola infantil para protexer o paso de peóns que, habitualmente, é invadido por coches. Tamén se revisarán os horarios das paradas de 15 minutos, debido a que se observaron disfuncións en zonas escolares como nas rúas Igrexas Vilarelle e A Estrada.
A Policía Local, segundo o goberno local, está a analizar tamén as opcións de mobilidade nas proximidades aos centros escolares, no ambulatorio Virxe Peregrina, no centro de saúde de Monte Porreiro e tamén en Montecelo, onde se realizará "un proxecto de envergadura".