Os Magos de Oriente percorrerán Vilaboa en tren turístico con novos itinerarios
Por Anxo Lourido
Un tren turístico volverá converterse no medio de transporte dos Reis Magos en Vilaboa na xornada deste venres 5 de xaneiro.
Este ano, o Concello anuncia cambios importantes nos itinerarios.
O percorrido iniciarase ás 15.00 horas no Peirao de San Adrián para avanzar polo atrio de festas de Santa Cristina, parando previamente na Casa de Cultura de Riomaior.
A continuación, a caravana seguirá ata Acuña, subindo pola EP-0101 en dirección Novás, Casal de Santa e Picho ata enlazar coa EP-0102, en dirección Postemirón.
Despois, os Reis Magos dirixiranse ata Figueirido, ao lugar de Croas para pasar por Sabaxáns, Rialiña, Ramalleira, cruzando a N-550 para seguir por Bértola a través da EP-002.
A visita polos distintos puntos do municipio tamén inclúe Santa Marta polo Camiño Xacobeo, dando a volta no Pombal e continuando polo Cerqueiro, Pedrouzo, Rial, Outeiro e Figueirido, desde alí trasladaranse á parroquia de Vilaboa en dirección As Salinas.
A viaxe finalizará ao redor das 18.30 horas en Paredes por Ponte García en dirección á Carretera Vella.
Todas as persoas que o desexen terán a oportunidade de gozar dun chocolate en Figueirido, a partir das 17.00 horas, grazas á asociación veciñal.