Activan un novo plan de voluntariado interxeracional en Sanxenxo
Por Redacción
O departamento de Xuventude do Concello de Sanxenxo pon en marcha un novo plan de voluntariado coa intención de que se implique poboación xuvenil e persoas maiores.
A proposta municipal busca establecer unha rede de voluntariado que axude a mellorar a vida das persoas e que, ao mesmo tempo, reporte beneficios a todas aquelas persoas que colaboren no programa.
Establécense cinco áreas de intervención para estas persoas voluntarias:
- Social-asistencial, consistente en acompañar e apoiar a persoas con necesidades específicas e asociacións sociosanitarias.
- Culturais, con colaboracións no apoio de actos e actividades que promove o Concello, asociacións, comisións de festas ou centros educativos.
- Educativas.
- Ambientais, onde terían que realizar campañas concretas e accións de coidado ambiental.
- Deportivas: colaboracións en propostas deportivas que promovan as asociacións ou o Concello.
As persoas que queiran participar deberán anotarse na Casa de Don Fernando, desde as 10.00 ás 14.00 horas, de luns a venres. Nunha segunda fase serán entrevistadas para coñecer a súa dispoñibilidade. Contarán cun seguro e, no caso de accións sociais e asistenciais, recibirán unha formación específica.
A proposta do concello divídese en tres grupos: xuvenil, para idades entre 12 e 17 anos; adulto, de 18 a 65; e adulto maior, de 65 a 100 anos.
Precisamente en Xuventude está a realizarse con gran aceptación un obradoiro para que os voluntarios ensinen a persoas maiores a utilizar o teléfono móbil, o computador e outros dispositivos electrónicos. A actividade é gratuíta e desempéñase os xoves, de 17.00 a 18.00 horas na Casa Mariñeira de Don Fernando, en Portonovo.
O Concello indica que aínda se poden apuntar persoas interesadas no mesmo espazo ou a través do teléfono 986.724.297.
Por outra banda, a técnica de Xuventude desenvolverá durante o primeiro trimestre do ano sesións co alumnado de primeiro curso da ESO para fomentar a convivencia creativa coa idea de previr o acoso escolar, desprezos ou illamento de estudantes.