Rosarios, agullas, pirixel e billetes a Londres, 'agasallos' a Gallardón e Feijóo pola reforma do aborto
Por Alejandro Espiño
Alberto Ruiz Gallardón e Alberto Núñez Feijóo son os dous destinatarios dos paquetes que este sábado enviaron integrantes da Asemblea Comarcal de Mulleres de Galiza Nova desde a oficina de Correos de Pontevedra. Un envío que recolle, segundo este colectivo, a esixencia das novas galegas ao ministro de Xustiza e ao presidente da Xunta de Galicia "para que desistan dos seus ataques contra as mulleres".
Refírense concretamente á polémica reforma da lei do aborto, impulsada polo Goberno. Por iso, nos paquetes para ambos dirixentes Galiza Nova incluíu agullas de calceta, perchas, pirixel ou ruda, utensilios e plantas aromáticas que as mulleres utilizaban no pasado para abortar "poñendo en risco a súa vida e moitas morrendo en tempos nos que o aborto era ilegal", segundo recordou a portavoz deste colectivo en Pontevedra, María Pousada.
Xunto coas súas denuncias, aportan tamén uns rosarios "polo papel protagonista da Igrexa no ataque contra as mulleres" e un billete de avión a Londres simbolizando o desprazamento a outros países que moitas mulleres deberán realizar para poder para abortar, xa que María Pousada recorda que "ao non permitirse facelo non estado español, teremos que ir a Londres ou cruzar a fronteira cara Portugal para facelo legalmente".
Neste sentido, a responsable comarcal das mulleres de Galiza Nova asegura que esta reforma da lei do aborto é "un retroceso cara a ditadura" e supón que "estaremos totalmente inferiorizadas cara o home" e negándolles o dereito a decidir "o que queremos facer co noso corpo". Ante esta situación de "recorte de dereitos sen precedentes", sinalou, hai alternativa "a mobilización e a reivindicación para que esta reforma non vexa nunca a luz".
Apoiando esta reivindicación de Galiza Nova atopábanse tamén as concelleiras Pilar Comesaña e Carmen Fouces. A responsable de Benestar Social no Concello de Pontevedra destacou a importancia de que sexan os mozos os que se unan neste tipo de mobilizacións "porque viven nunha sociedade organizada en torno a certas liberdades que se están perdendo, cuestións que foron conquistadas e nolas están quitando".