Un condutor bébedo circula por varias rúas de xeito perigoso e choca contra turismos aparcados e en circulación
Por Natalia Puga
A Policía Local de Pontevedra denunciou na tarde do domingo un condutor que circulaba baixo os efectos do alcol polas rúas da cidade e causou danos en varios vehículos ao seu paso.
Segundo a información facilitada pola Policía Local, sobre as 18 horas do domingo recibiron chamadas telefónicas de particulares que informaban dun turismo que circulaba polo centro da cidade "de xeito accidental e perigoso".
O condutor circulaba "dun lado a outro do carril de circulación" e impactou ou rozou en reiteradas ocasións con outros turismos.
A Policía Local localizou o vehículo na rúa Manuel del Palacio, logo de impactar con outro coche que estaba a circular correctamente.
Os axentes realizáronlle a proba de alcoholemia ao condutor e deu un resultado positivo de 0,27 miligramos de alcol por litro de aire expirado. Ademais, amosaba unha "conduta errática", que se correspondía cos síntomas da inxesta de bebidas alcólicas.
A Policía Local instruíu dilixencias por presuntos delitos contra seguridade viaria.