Alerta laranxa para este mércores por temporal costeiro
Por Redacción
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta vén de activar a alerta laranxa para este mércores por temporal costeiro nos litorais das provincias da Coruña e de Pontevedra.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso estará activo desde a tarde por vento do suroeste de forza 7 que pode chegar ocasionalmente a forza 8 no noroeste e oeste da Coruña. Haberá tamén mar combinada do suroeste con ondas de ata 6 metros.
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros, co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas.
A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.