Un tornado causa danos materiais en Cambados
Por Anxo Lourido
Ao redor das 12.20 horas deste mércores 17 de xaneiro ao paso da borrasca Irene por Galicia, un tornado tamén se presentaba causando danos no lugar do Couto de Abaixo, na parroquia de Castrelo no termo municipal de Cambados.
Segundo informa o servizo de Emerxencias de Cambados, efectivos desta unidade tiveron que intervir para apontoar dous tellados, un deles bombeouse debido ao forte remuíño de vento orixinado.
O tornado moveuse en liña recta desde La Casita de Chocolate ata o restaurante O Mineiro en paralelo á estrada EP-9301, segundo as mesmas fontes.
Ao seu paso causaba diferentes danos en tellados, con desprendementos, e cubertas de dez vivendas e unha nave situada na parroquia. Tamén derrubaba material de obra e contedores de residuos.
A pesar da potencia do remuíño non se rexistraron danos persoais. No lugar tamén interviñan axentes da Policía Local para garantir a seguridade da veciñanza.