Rescatan unha gaivota que quedara atrapada nun balcón
Por Natalia Puga
Efectivos do Corpo de Bombeiros de Pontevedra mobilizáronse ao mediodía deste domingo para rescatar a unha gaivota que quedara atrapada nun balcón da rúa Virxe do Camiño.
Segundo a información facilitada polos bombeiros, un cidadán alertou sobre as 14.04 horas da presenza do animal atrapado e, nun primeiro momento, desprazáronse axentes da Policía Local para verificar a situación.
A continuación, desprazouse unha dotación dos bombeiros e, utilizando a escaleira, subiron ata o balcón e rescataron o animal. Quedara atrapada porque o balcón era estreito e non podía estender as ás para levantar o voo
Xa na rúa, sobre as 14.30 horas, os bombeiros soltaron o animal, que botou a voar.
O animal non presentaba ningún dano.