O programa municipal Máis Cultura destina 16.000 euros para facilitar as actuacións de grupos locais
Por Redacción
O Concello de Poio acaba de aprobar as bases do programa Máis Cultura, que destina 16.000 euros para apoiar os colectivos e a difusión da cultura popular.
Estas axudas facilitan as actuacións de grupos locais nas festas patronais e noutras actividades ou eventos organizados por colectivos ao longo do ano.
En 2023, o Concello de Poio autorizou máis de 75 actuacións de agrupacións folclóricas, pandereiteiras, corais, solistas, charangas, batucadas e outros grupos de música popular.
Este ano incluirase unha axenda na web do Concello de Poio na que se incluirán as actuacións que se programen a través deste programa, e tamén se lles dará difusión a través das redes sociais do concello e ofrecerase a impresión de carteis promocionais a aquelas entidades que o soliciten.
Poderán acollerse ao programa Máis Cultura as agrupacións e asociacións sen fins de lucro inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, así como as comisións de festas legalmente constituídas que promovan a realización de celebracións patronais ou outras actividades culturais.
Subvenciónanse ata un máximo de dúas actuacións por festa ou evento que teña unha duración de dous días, e catro actuacións no caso de que o evento ou a festa dure tres ou mais xornadas. As solicitudes deberán presentarse cunha antelación mínima de 20 días con respecto á data da actuación, e antes deberán poñerse en contacto cos grupos inscritos no catálogo para concretar días, coñecer as condicións e facilitarlles a actuación, tal e como se establece nas bases.
As bases están pendentes de publicación no BOP e nestes días xa se activará na Sede Electrónica do Concello de Poio o trámite para facer as solicitudes.
Relacionadas:
-
Os escolares de Poio demostran en Sogama os seus amplos coñecementos sobre reciclaxe
Por Redacción |
-
O Entroido de Poio terá un desfile matinal o domingo 11 e festa con pasarela de comparsas o venres 23
Por Oskar Viéitez |
-
O goberno provincial quere reforzar a aposta polo Musigal, o circuíto de concertos de música en galego
Por Oskar Viéitez |