Convocada unha formación para coidadores de persoas cunha demencia neurodexenerativa en Viascón
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade anuncia que a Casa do Pobo de Viascón acollerá os próximos días 26 e 28 de febreiro e 1 de marzo un curso formativo para coidadores de persoas cunha demencia neurodexenerativa baixo o título xenérico de "Coidados compartidos", organizado pola Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias da provincia de Pontevedra, Afapo, coa participación de entidades similares de toda Galicia.
Esta iniciativa formativa xorde despois de que o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, mantivese unha xuntanza de traballo cos directivos desta asociación e se ofrecese a colaborar en todos aqueles temas de carácter preventivo e paliativo para axudar aos familiares de enfermos de Alzheimer no municipio.
Os días 26 e 28 de febreiro, de 16:30 a 19:30 horas, e o 1 de marzo en horario de 16:30 a 18:30 horas terá lugar esta actividade formativa moi demandada polas persoas coidadoras de enfermos de Alzheimer.
As persoas interesadas en participar neste curso de "Coidados compartidos" poden inscribirse a través dos Servizos Sociais do Concello de Cerdedo-Cotobade, nos teléfonos 986 76 00 01 ou 986 75 30 06; ou a través do número de teléfono de Afapo: 986 84 21 41.
O alcalde sinalou que "hai que darlle visibilidade a esta enfermidade e aos seus coidadores porque, tan importante como atender aos enfermos de Alzheimer ou a aquelas persoas que padecen algunha demencia neurodexenerativa, tamén o é botarlle unha man aos coidadores que precisan moitas veces de asesoramento e axuda para encauzar esta situación".
Engadiu o rexedor que "desde o Concello imos facer todo o que estea ao noso alcance para colaborar neste tema sobre o que a sociedade é cada vez máis sensible".