Fabiola García destaca que as dúas 'casas do maior' de Moraña "son auténticos dinamizadores da vida do municipio"
Por Oskar Viéitez
A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, acompañada do alcalde de Moraña, José Luis ‘Sito’ Gómez, visitou este mércores as dúas 'casas do maior' que o goberno galego puxo en marcha no concello de Moraña, unha das cales abriu as súas portas o pasado mes de decembro e aínda ten prazas a disposición da veciñanza.
Fabiola García destacou que "estes dous centros xa son auténticos dinamizadores da vida do municipio" e que, ademais, permitiron crear emprego a dúas mulleres.
A conselleira sinalou a importancia deste tipo de recursos para garantir atención e coidados por todos os recunchos de Galicia. Ao respecto, destacou que as 'casas do maior' son unha "medida innovadora" que se adaptan á realidade territorial da nosa comunidade e que o executivo autonómico impulsou no ano 2018 para ofrecer atención diúrna 100% gratuíta a un máximo de cinco persoas maiores por centro.
Fabiola García asegurou que con este tipo de recursos "ofrécese atención aos maiores ao tempo que se mellora a vida de pequenos concellos e aldeas do rural". Deste xeito, garántese que os galegos que así o desexen poidan seguir vivindo nas súas casas e nos seus lugares de sempre ao tempo que están ben atendidos.
DIRECTORA XERAL DE ADMINISTRACIÓN LOCAL
Tamén a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, realizou este mércores unha visita institucional a Moraña para coñecer de primeira man as necesidades do concello no marco do apoio ao eido local.
No percorrido incluíuse o pavillón multiusos de Santa Lucía, onde se mellorou a eficiencia enerxética e o confort coa instalación dunha nova cuberta. A directora xeral sinalou a importancia de que as infraestruturas municipais respondan ás necesidades da veciñanza e garantan a prestación de servizos de calidade a toda a poboación con independencia do seu lugar de residencia.