Sogama lanza un buscador web que permite os cidadáns resolver as súas dúbidas
Baixo a denominación "Onde vai?", Sogama lanzou unha buscador web co que pretende axudar os cidadáns a resolver as súas dúbidas, en tempo real, sobre o correcto depósito dos refugallos que se xeran a diario.
Trátase dunha nova ferramenta de consulta, deseñada e desenvolvida por esta compañía pública, que pon ao dispor dos veciños pertencentes aos 295 concellos adscritos ao seu sistema de xestión co obxectivo de que poidan coñecer, dunha maneira práctica, rápida, intuitiva e visual, onde depositar os residuos máis habituais.
Se ben a día de hoxe, e a través das diferentes campañas educativas promovidas pola Xunta e Sogama, a poboación galega interiorizou a necesidade de separar correctamente os seus refugallos en orixe e introducilos no contedor correspondente, o certo é que, en máis dunha ocasión, todos tivemos dúbidas á hora de identificar o recipiente ou punto de destino de materiais concretos.
Para dar resposta a estas cuestións, Sogama incorporou aos seus recursos didácticos e divulgativos unha nova ferramenta (www.sogama.gal/ondevai), concibida fundamentalmente para formato móbil, na que, a través dun buscador textual, o usuario pode identificar e localizar o contedor ou lugar específico ao que levar un determinado refugallo.
O funcionamento do buscador pivota sobre unha estensa base de datos conformada por 275 residuos, na que se inclúen posibles sinónimos e variantes, e cada residuo está vinculado ao seu contedor ou punto de achega correspondente, ofrecendo ao usuario unha explicación sobre os erros máis habituais que se adoitan cometer á hora de elixir onde depositalo e, no seu caso, unha ligazón á listaxe cos puntos de achega dispoñibles.
O buscador divide os residuos domésticos en 12 fraccións diferenciadas. Ademais das 5 que atopamos nas nosas rúas (contedor amarelo, para os envases de plástico, latas e briks; azul, para o papel e cartón; iglú verde, para os envases de vidro; contedor marrón para a materia orgánica, e xenérico, para a fracción resto), tamén proporciona información e ligazóns a outros 7 puntos de achega aos que levar outro tipo de materiais. É o caso dos puntos limpos, puntos SIGRE de farmacia, contedores específicos para aceite, pilas, lámpadas, cápsulas de café e téxtiles, entre outros.
"Onde vai?" configúrase como un elemento de consulta especialmente útil á hora de resolver este tipo de dúbidas en calquera momento, propiciando con isto que a colaboración cidadá sexa correcta e acertada, e, en consecuencia, contribúa de forma efectiva á reciclaxe.